CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Falamos co pai de Jorge Prado ao saír do hospital: “Foi unha caída fortísima, cravou o guiador na axila 15 cm, como unha cornada”

04/10/2021 - 15:37 h

Levabamos 24 horas pendentes de Jorge Prado. O piloto galego sufría un accidente no Gran Premio de Alemaña de motocrós. No último instante da primeira manga, no salto final de entrada en meta golpeouse co piloto que viña xusto detrás. Prado tivo que retirarse en padiola e o seu pai, Jesús, atendeu a Zona mixta no transporte en que ía co seu fillo cara a Bélxica para ser tratado polos médicos de confianza do piloto lugués.

Así contaba como foi o susto e como xusto acababan de darlle a alta logo da operación á que fora sometido: "Acaban de darlle a alta e xa imos camiño a Bélxica nun furgón, el vai detrás descansando. Xa foi intervido cirurxicamente logo do accidente. Foi unha caída fortísima, cravou o guiador na axila 15 cm, foi como unha cornada, por sorte, non colleu nervios”

Preguntado sobre se realmente todo isto paga a pena, Jesús reflexionaba: "Isto non é unha obriga, ten un risco alto que tratas de minimizar. Logo pasan cousas como as de onte... pero fas o que che gusta. Tamén ás veces tes accidentes de tráfico... hai fallos, é así"

E o importante, é que Jorge se recupere fisicamente, logo virá de novo a competición se todo vai ben: "Non sabemos cando poderá estar para volver á moto, o importante é que finalmente non foi nada grave"

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso