CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Rodrigo Conde: “Un médico normal non o entendería. Todos sabemos que o deporte de alto nivel non é san”

01/03/2021 - 15:40 h

Rodrigo Conde fixo un anuncio sorpendente este venres. O dúas veces campión do mundo sub-23 e 5º no mundial este mesmo ano rexeita un billete seguro para os XX. OO. Aduciu que a necesidade de perder peso para cada competición era un calvario. E hoxe contou no 'Zona mixta' o mal que o pasou ata tomar a decisión de deixalo.

Así relataba o anuncio que realizou en redes sociais: "Estiven pensando non publicar o vídeo ata o final, pero unha vez que o fixen quedei tranquilo, relaxado... necesitábao. Non podía seguir así. Estou mellor ca nunca, hai moito tempo que non estaba tan tranquilo e convencido dunha decisión. Sacar esa mochila de enriba... No momento de darlle click á publicación en Instagram dixen... 'xa é público e oficial'. Notei un alivio e pensei que acabaran os malos momentos e que volvía a ilusión de cando era un rapaz con Tirán. Cada ano que pasaba facíaseme máis difícil. Estaba obsesionado"

E non foi por desleixo, todo o contrario: "Este ano estiven facendo as cousas mellor ca nunca, moi fino, con moi pouca graxa. Cando fixemos as últimas probas médicas deime conta de que non tiña marxe de seguir baixando. Só tiña cinco quilos de graxa, cantos podía perder, 2-3? O resto tiña que ser auga. Imposible"

E para chegar a ese estado contou o que tiñan que facer: "Durante unha semana antes do campionato puñas capas de roupa, chuvasqueiro e 40º no cuarto a pedalexar. Baixabas da bici e tíñaste que sentar para non caer. Un médico dun hospital normal non o entendería. Un médico deportivo está afeito a levarnos o corpo ao límite"

Finalmente relatou o que foi o pau definitivo antes de chegar a eses extremos: "O tema da pandemia foi o que trastocou todo. Nós tiñamos todo preparado para a olimpíada e todo se cortou. Logo foi costa arriba xa ata aquí"

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso