CRTVG

Buscar

A Crónica | Fin de Semana

Xoaquín Fernández Leiceaga, candidato nas primarias do PSdeG-PSOE

03/09/2017 - 00:00 h

Xoaquín Fernández Leiceaga, voceiro parlamentario do PSdeG, amosouse convencido das súas posibilidades para conseguir a secretaría xeral do PSdeG nas primarias do oito de outubro. Nunha entrevista na Radio Galega, Fernández Leiceaga avanzou a súa intención de presentar a súa candidatura oficialmente no prazo previsto (establecido entre o luns 4 e o martes 5 de setembro) e dixo que "é posible que o faga o martes pola mañá" xa que o luns vai estar en Valdeorras.
O voceiro socialista no Hórreo salientou que aspira a gañar para logo engadir que

"estou convecido que podo gañar e por tanto, a verdade é que me estou situando mentalmente nesa circunstancia. Estou pensando máis como empezar a configurar os equipos e esas cousas que non en ningunha outra situación".

Unha aseveración do socialista tras ser preguntado se deixaría o hemiciclo no caso de que acabase derrotado nas primarias.
Nas vésperas do inicio de recollida de avais precisos para ser oficialmente candidato, Fernández Leiceaga expresou a súa confianza en que as tres persoas que aspiran ao posto conseguirán os avais ao asegurar que "teño a impresión de que si, de que imos ser capaces de pasar o corte e de chegar á fase final que é a votación dos militantes".
Ao preguntarlle por un eventual pacto entre candidatos, o socialista di que

"non hai que descartar nada. Quedan 40 días, máis ou menos. 35 días en termos políticos é moitísimo, moitísimo espazo de tempo pero eu creo que agora mesmo até o día 20 vamos estar concentrados na recollida de avais e explicarlle o noso proxecto aos militantes  e hai que deixar pasar esta fase".

Aínda que non quixo avaliar o papel da xestora do PSdeG nos últimos tempos para dicir que quere "falar de futuro", Fernández Leiceaga a postou por "pasar páxina" no partido. Na súa opinión, "vimos dun momento de demasiada división e demasiada interinidade, temos que pasar páxina con isto" por iso avoga por abrir "un espazo de encontro onde poidamos os militantes e os cadros socialistas reencontrarnos outra vez entre nós". Así mesmo, aproveitou para pedir neutralidade á xestora nas primarias ao aseverar que 

"os niveis de dirección do partido deben ter unha actitude exquisitamente neutral neste proceso" e engadir que "eu espero que de aquí en diante sexa así porque quedan bastantes cousas por organizar, por resolver". Insistiu en que "espero que dende a xestora do partido, que ten a encomenda de dirixilo ata o congreso, pois se manteña unha actitude de máximo respecto ás normas e da neutralidade".