Sala 5
Pau Gómez: "Scorsese pasaba moito medo cos crimes violentos no seu barrio, para ir ao colexio saltaba charcos de sangue"
Pau Gómez, xornalista e doutor en cine, acaba de presentar o libro titulado Maestro Scorsese e pasou por Sala5 para contarnos como é.
Invitou a unha trintena de directoras e directores españois a repasar e comentar as mellores películas do cineasta americano, a averiguar influencias e descubrir cuestións pouco comentadas sobre o xenio de orixe italiana: "Neto dun inmigrante italiano que chega a primeiros do século XX a Nova York para cumprir o soño americano, a segunda xeración, a de seu pai, xa asumiu que nunca ía ser unha persoa relevante (pasaba o ferro na roupa). Os seus antecedentes familiares marcaron a súa traxectoria e definen boa parte das súas películas".
Contou unha anécdota moi interesante e pouco coñecida: "Scorsese pasaba moito medo polos crimes violentos que se cometían no seu barrio, contaba que para ir ao colexio tiña que saltar charcos de sangue. Descubriu o cine por iso, por evitar a violencia e tamén o frío, xa que era asmático".