CRTVG

Buscar

Sala 5

Morris: "Hai directores aos que non lles gustan os actores, farían películas con bonecos, Alfonso Zarauza non é deses"

24/11/2020 - 00:24 h

En Sala5 achegáronse a Ons a través dos seus protagonistas, marcados por unha crise sentimental e influídos en ocasións polo tempo cambiante da illa. Un home e unha muller rodeados de misterio.

Melania Cruz conta que "Mariña é unha muller que quere recuperar unha parella en crise, por iso decide ir co seu home a Ons. Está ilusionada e confía en que a relación se poida reencontrar".

Morris, pola súa banda, explica que "quizais Vicente (o seu personaxe) quere dar un paso adiante, pésalle o desamor, e ve un acto de xenerosidade na decisión de Mariña de ir con el á illa e deixa unha gran frase: "Hai directores ós que non lles gustan os actores, se puidesen farían as películas con bonecos, pero a Alfonso Zarauza gústanlle os intérpretes, as charlas, buscar o sutil, fai repetir ata que lle soa algo, e iso é cine"

Melania destaca o compoñente que aporta a xeografía e o clima no filme: "A illa de Ons foi determinante na película, a súa climatoloxía. So se respectaron dous días do planning inicial. O lugar marca os personaxes, a illa ten moitísimo carácter e influiu en todas as persoas que estábanos alí"

Reflexionou tamén: "Galicia enteira é unha illa con respecto a España, un estado de ánimo. O que arde é unha illa, a foto de Lois Patiño pertence a unha especie de illa,... case todo o que facemos aquí ten uns sinais de identidade que provocan a necesidade de coñecer Galicia e aos galegos. Temos unha paisaxe que conforma a nosa forma de ser, e así o contamos, por iso as nosas historias atraen, porque atrae este país".

Programa de cine que dirixe e presenta Begoña Vázquez