CRTVG

Buscar

Destacados

Miguel Tellado abre a porta a que a Xunta presente recurso antes das eleccións pola débeda do IVE

08/03/2020 - 08:35 h

O secretario xeral do PpdeG, Miguel Tellado, non descarta que a Xunta leve antes das eleccións autonómicas aos tribunais ao Goberno Central se non responde á solicitude do pagamento da débeda pendente da liquidación do IVE de 2017. Miguel Tellado advirte de que "se temos que acudir á vía xudicial, así o faremos e está a piques de rematar ese prazo dese mes que se lle outorgaba ao Goberno para dar unha resposta ou positiva ou negativa e polo de agora o que obtivemos é silencio que é outra forma de rirse dos galegos".

Tellado tamén acusa ao Goberno Central de "non querer resolver o problema da industria electrointensiva" e advirte que con Alcoa "estamos fóra de prazo" e "existe un risco real de peche". O número dous do PPdeG recrimínalle ao PSdeG a súa posición neste asunto na votación esta semana dunha iniciativa dos populares no Senado reclamando unha rebaixa da tarifa eléctrica para este tipo de compañías: "O PSOE votou en contra. E ¿qué fixeron os senadores do Partido Socialista de Galicia? Non votaron. Pero ¿por que non votaron? Non votaron porque non estaban no Senado. Estaban no Hotel Palace aplaudindo ao señor Gonzalo Caballero que impartía unha conferencia. Iso é o que lle preocupa ao PSdeG os problemas reais dos galegos".

Miguel Tellado tamén critica as discrepancias xurdidas no seo do Goberno de coalición: "Levan moi pouco tempo gobernando xuntos o bipartito formado por socialistas e populistas e xa vemos carreiras de sacos entre eles. Xa vemos o xogo de vantaxismo político por ver quen lle mete un gol ao outro. E eu creo que é realmente dramático".

A catro semanas das eleccións autonómicas e logo das enquisas publicadas nos últimos días, o secretario xeral do PPdeG advirte contra un "multipartito que non se sabe moi ben liderado por quen pero formado en todo caso por sete partidos. Cómpre mobilizar o electorado que quere que Galicia continúe estando alleo a ese escenario de inestabilidade da política nacional".

En relación co 8-M, Miguel Tellado di que "compartimos a reivindicación dunha sociedade máis xusta, máis igualitaria, onde homes e mulleres convivamos en pé de igualdade e polo tanto compartamos a reivindicación e o anhelo deses homes e mulleres que hoxe saen á rúa a defender unha igualdade efectiva e real" e engade que "deberiamos evitar que a loita pola igualdade sexa un elemento de confrontación entre os partidos e que ninguén trate de apropiarse, de patrimonializar unha reivindicación que é común á nosa sociedade e que dende logo non nos debe separar, senón que nos debe unir".

Cortes dos diferentes programas da RG