A Crónica | Fin de Semana
Juan Manuel Díaz Villoslada, candidato nas primarias do PSdeG-PSOE
Juan Manuel Díaz Villoslada agarda que non se polarice a campaña das primarias do PSdeG e fai un chamamento ao xogo limpo aos outros precandidatos "para a partir de outubro estar todos detrás de quen sexa o novo Secretario Xeral". Nunha entrevista este domingo na Radio Galega, o deputado socialista rexeitaba que se etiquete a súa candidatura polos apoios que poida sumar. Nega ter falado con Gómez Besteiro e di que con ese tipo de etiquetas "non me sinto nin cómodo nin incómodo".
Como teño dito creo que estamos a utilizar, ou outros precandidatos están a utilizar, unha linguaxe que de verdade, ou unha dialéctica que non leva ningún, unha dialéctica baleira de contido porque responde a situacións do pasado
Villoslada non traballa a priori coa perspectiva de pactos entre os candidatos:
Confío en que os tres que saimos agora saiamos coa perspectiva de chegar ata o final, non de chegar a acordos con máis antelación da prevista
Avoga pola integración despois das primarias, tamén co sector crítico, pero de cara á configuración da Executiva matiza:
Haberá que analizar como vaian os apoios, os avais, cales sexan os resultados. Pero a integración ten que reflectirse en todo o aparato do partido en adiante porque se non conseguimos integrarnos non podemos ser fortes pero é certo que quen se integre ten que ter a convicción de que se integra nunha nova etapa de renovación
O deputado socialista tamén analizou na Radio Galega a polémica suscitada pola moción de censura presentada en Coristanco.
Puido haber unha falta de antelación suficiente á hora de, por parte non sei se da agrupación local ou a secretaría local ou doutros ámbitos de ter ben preparada esa posición, pero en todo caso creo que a Executivo provincial tomou a mellor decisión de dar marcha atrás nesta moción de censura porque non é coherente coa actual liña do partido
Non cre que, pese a ter nun primeiro momento apoiado a operación, saia debilitado Julio Sacristán como responsable provincial.
Eu creo sinceiramente que non. Os liderados deben ser capaces de ter unha posición, pero se a súa estructura democráticamente toma outra decisión asumir esa decisión e levala adiante