Galicia por Diante
Xosé Neira Vilas, escritor
Os Almorzos: Xosé Neira Vilas, escritor.
O autor de "Memorias dun neno labrego" está en constante relación cos nenos e nenas de centros escolares de toda Galicia, ofrecendo conferencias e participando en charlas cos cativos.
Contou que na fundación que leva o seu nome, ubicada na súa aldea natal de GRES (en Vila de Cruces), moitos rapaces utilizan os ordenadores da biblioteca pública "na busca de xogos e non piden libros". "Hai que preocuparse por iso" -asegurou. Entende que eses xogos electrónicos tamén son válidos, pero hai que evitar que lle dediquen o cento por cento do tempo.
Ante a polémica que se creara pola elección de filgueira Valverde como homenaxeado no Día das Letras Galegas, o escritor crucense considera que Filgueira Valverde é merecedor desa distinción "porque ten unha obra inmensa e extraordinaria". Sobre o feito de que fora alcalde de Pontevedra na ditadura de Franco, Neira Vilas opina "que non hai ningún xesto de Filgueira, ata onde eu sei, que poida condenarse a favor do franquismo". E engadiu que"era un galeguista de dereitas, pero galeguista".
Comprometido coa causa dos máis desfavorecidos, Neira Vilas cualifica os casos de corrupción que nos invaden como "un despropósito" e "unha inmoralidade superior".
Neira Vilas está promocionando a súa última obra: o libro-CD "Cantos de sol a sol"; un poemario dedicado aos máis novos.