CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

O CIS de maio

31/05/2019 - 08:08 h

Eu estou empezando a pensar que o CIS se está especializando en montar leas. Non acaba de saír dunha e xa está metido noutra. Todo o prestixio recuperado co acerto das eleccións xerais bótao a perder co de onte. Agora ben: o barómetro que se publicou bate todos os récords. É unha enquisa que vale para unha cousa e para a contraria. En Galicia non a fariamos mellor, porque calquera pregunta que se poida facer na enquisa respóndese "depende". Se se pregunta que tipo de Goberno é o preferido, depende: nunha das versións di que un 45 por cento dos enquisados quere unha coalición e, dentro do formato de coalición case un 40 por cento quere que sexa con Podemos. Pero, na outra versión, que o CIS chama "datos en cru", resulta que case a mesma porcentaxe, un 44 por cento, o que quere é un Goberno de Pedro Sánchez en solitario.

Despois, noutra pregunta, e por arte de maxia, resulta que o Goberno preferido polo 80 por cento é unha alianza de Ciudadanos e do PSOE, o cal é o xeito definitivo de volver tolos aos que se asoman a este traballo sociolóxico. Seguro que ten explicacións. Os traballadores do CIS son serios e solventes. Son uns bos profesionais, pero, polas razóns que sexan, onte saíulles unha enquisa da que se pode dicir: "Se sae con barba, Santo Antón e, se non, a Purísima Concepción".

Pero aínda é máis sorprendente o que se di da intención de voto. O PSOE é o rei do mambo, con máis dun 30 por cento. A segunda forza é Ciudadanos, pero coa metade de votos. E por debaixo, Podemos. E o PP case resulta extraparlamentario, cun 9 por cento. Pero iso non é que o diga hoxe a xente. É que o dixo a primeiros do mes de maio; é dicir, uns días despois das eleccións xerais. Quérese dicir que os votantes do PP se arrepentiron do seu voto en menos dunha semana. O nunca visto na política española e seguramente mundial. Un dato para levar ao Libro dos Récords.

O que non acabo de entender é para que un instituto oficiallle pregunta á xente que tipo de Goberno desexa. É que Pedro Sánchez necesita o comodín do público? É que vai facer a coalición que lle indica o persoal? Isto máis parece un divertimento para que os comentaristas políticos teñamos de que falar. Como traballo que sirva de orientación, cero. E, no que afecta a intención de voto do PP –lembro que un 9 por cento-, ten pinta de ser, con perdón, Valiñas, un soberano cachondeo.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia