Galicia por Diante
Iván López, representante dos armadores galegos: "Logo do Brexit, a presión non é para nós, senón que son os británicos os que xogan o seu futuro"
O sector da pesca, un dos máis afectados pola saída do Reino Unido, di sentirse tranquilo ante o futuro. Este ano 2020, todo seguirá igual, de forma transitoria, pero agora hai que negociar que pasará a partir do 1 de xaneiro do ano que vén, xa que volverán levantarse as fronteiras entre Europa e a Gran Bretaña. O obxectivo dos armadores galegos é que a situación quede como está agora.
"Estamos ante case unha folla en branco. E imos empezar as negociacións. É un tempo moi curto porque para a pesca isto ten que estar polo menos encamiñado abondo como para dalo por bo o 1 de xullo. E queda pouco para unha negociación técnica".
"É o Reino Unido o que ten que acadar os niveis favorables de acceso ao noso mercado. Nós temos un mercado de 450 millóns de persoas. Eles, 70. A presión para isto non é por nós. Non é Europa a que está desesperada para vender no Reino Unido. É o Reino Unido o que ten que xogar o seu futuro decidindo cales son os seus mercados. A presión está neles".
"O propio acordo de saída comporta que primeiro se negocie a pesca e, se iso vai ben, xa falaremos do comercio. Polo tanto, eu creo que se fixo todo o que se podía facer. Agora falta que os negociadores estean á altura do feito".
"O que se está falando agora, por exemplo, e non é ningunha broma, é que se di: se vostedes queren poder usar os seus bancos na Unión Europea, terán que deixar pescar aos barcos europeos alí. A pesca para o Reino Unido supón un 0'04 por cento da economía. O sector bancario supón un 7 por cento. Creo que eles terán que pensar que é o que queren facer".