CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Andalucía, fin de campaña

30/11/2018 - 08:04 h

Eu veño dicindo que estas eleccións son andaluzas porque son para o Parlamento andaluz e porque se celebran en Andalucía. Pero, vendo o que se dixo e se fixo na campaña, non o parece. É que se falou moito máis de Cataluña, poño por caso, que do problema do paro nas oito provincias. É que houbo partidos nos que parecía que os candidatos a presidir a Xunta eran Pablo Casado ou Albert Rivera, e xa non digamos Inés Arrimadas, que, como naceu en Xerez, dicíanlle que quedase. Podiamos chegar á conclusión de que o auténtico carácter andaluz das eleccións estivo nos partidos de esquerda, porque Susana Díaz non contou moito coa presenza do viaxeiro Pedro Sánchez, e Teresa Rodríguez tampouco contou moito con Pablo Iglesias, pero foi porrazóns de autonomía e de non moi agarimosas relacións. A partir desas anotacións, penso que se burlou aos andaluces a oportunidade de debater ben o que se xoga o domingo nas urnas,pero non insisto moito, porque ao mellor é que as mensaxes rexionais non traspasaron Despeñaperros.

A seguinte consideración é que foi unha campaña de moita enquisa. As enquisas dominárono todo e ata pareceu que os andaluces xa votaran. E iso derivou en que se falou tamén máis de pactos futuros e da formación do Goberno que sairá das urnas que de solucións concretas. Repartiuse a pel do oso antes de cazalo e antes de saber o que dirán os cidadáns. Supoño que os culpables somos os xornalistas, aos que nos conmove máis o poder que falar do que necesita Andalucía.

E a terceira anotación é o fenómeno Vox. Non ten carteis, non fixo propaganda, non asiste aos debates, pero todos din que triplicou o voto nesta campaña. Vox goza dun regalo que lle fixeron os demais, singularmente o PP e Ciudadanos, falando todo o día dese partido e xogando coa posibilidade de pactar con el. Chegaron a facer a Vox o centro dos debates e da mesma campaña. Pasará á historia como a historia dunha torpeza do centrodereita.

E a consecuencia de todo isto é que quen se somete á decisión das urnas é Pablo Casado, que se estrea; Sánchez, que verá se a xente apoia a súa política; e Vox, que pode emerxer como o quinto partido en discordia. É dicir, que van ser coma unhas primarias das eleccións xerais.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia