CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Josep Piqué: "Alemaña deunos un exemplo de que se poden combater os populismos desde a moderación e a firmeza democrática"

30/09/2021 - 08:06 h

O presidente do Foro La Toja, Josep Piqué, valoraba nunha entrevista no Galicia por diante os resultados das eleccións en Alemaña e a nova etapa que se abre no país xermano e en Europa sen Ángela Merkel.

Piqué cre que a integración europea non corre risco ningún sen Ángela Merkel porque os partidos chamados a formar goberno  "non cuestionan a vocación europeísta, defenden os valores comúns e están abertos ao multilateralismo". Asegura o exministro de Asuntos Exteriores que "Alemaña nos deu exemplo de moderación e de que se pode combater os populismos de ambos extremos desde a moderación" e sostén que "os populismos pódense conter desde a firmeza democrática".

Admite Piqué preocupación polas eleccións que se celebrarán en Francia cunhas sondaxes que sitúan a ultradereita como principal competidor de Macron. "Europa só avanza cando Francia e Alemaña empurran e sobre todo cando empurran de xeito conxunto. Se unha das dúas pezas non vai, temos problemas" sostén.

Cuestionado polas relacións de Unión Europea coa China e a crise dos microchips, Piqué explica que "a integración nas cadeas globais de valor fai que dependamos, en temas sensibles, excesivamente da China. Hai que ver como o imos corrixindo. A relación económica e comercial de Europa coa China é altísima. Hai moitos intereses aí e hai que procurar salvagardar intereses".
Piqué di que a Unión Europea é "competidor, socio e adversario" da China e "hai que encaixalo".
Admite o presidente do Foro La Toja que as relacións transatlánticas pasan por "un momento complicado. Parecía que coa chegada da administración Biden se ía recompoñer o vínculo atlántico" e engade que "a retirada de Afganistán introduciu moita incerteza porque foi unha retirada unilateral, precipitada. Estamos vendo ademais como os Estados Unidos identificaron A China como o adversario global e está a concentrar os esforzos no Índico-Pacífico. Iso obriga, aos que estamos no Atlántico, a reflexionar sobre como seguir masntendo a relevancia estratéxica. Segue sendo importante que a relación entre Estados Unidos e Europa sexa estreita e que non se cuestione a alianza atlántica".

Piqué confía en que "haxa unidade" na creación dunha forza militar, de acción rápida, na Unión Europea. O exministro de Asuntos Exteriores admite que hai reticencias entre os países á hora de falar dun exército común europeo polo "desleixo de soberanía que suporía". Aínda así cre que antes cómpre avanzar noutras cuestións como compartir máis información dos servizos de intelixencia dos países que integran a Unión Europea.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia