CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Ethel Vázquez: "As autoestradas galegas son as primeiras que aplicarán descontos ás familias numerosas"

30/07/2021 - 08:14 h

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta, Ethel Vázquez, destacou no Galicia por diante que as familias numerosas serán as principais beneficiarias da ampliación das bonificacións nas autoestradas de titularidade da Xunta.

"A partir de mediados de agosto, as familias numerosas terán unha bonificación do 100 % na viaxe de volta na vía que une A Coruña con Carballo (AG-55) e na de Val Miñor (AG-5/). As bonificacións teñen carácter acumulativo, a maiores das que se veñen aplicando, con carácter xeral, dende 2019".

Ethel Vázquez sinalou que no caso de familias numerosas, con proxenitores separados, os dous poderán beneficiarse da bonificación.

"Atendendo á reivindicación da Asociación de Familias Numerosas, tanto o vehículo do pai coma o da nai poderán vencellarse ao dispositivo de telepeaxe e acceder aos descontos. Trátase de non discriminar a ningún. As bonificacións vanse aplicar a partir de mediados de agosto. O Consello da Xunta aprobou onte a medida, logo de meses de estudo das medidas tecnolóxicas para facelo viable. Houbo que instalar setenta cámaras e deseños sofware específicos para identificar ás matrículas asociadas. Para beneficiárense dos descontos, os coches terán que levar o dispositivo OBE. Somos a primeira comunidade que establece bonificacións para as familias numerosas".

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta valora de xeito positivo, aínda que con matices, os descontos que o Goberno central aplica dende onte na autoestrada do Atlántico, AP-9, de titularidade estatal.

"Levamos moito tempo esixindo a implantación de bonificacións para circular pola AP-9. Os incrementos das peaxes, consecuencia de decisións pasadas, eran insoportables. Esa infraestrutura chegou a ser das máis caras de España. É unha boa nova que o goberno central aplique bonificacións do 100 % na viaxe de volta para os usuarios recorrentes, e un 20 % adicional para os superrecorrentes, que realizan un traxecto máis de vinte veces ó mes. Atendeuse a nosa petición de aplicalos descontos as vinte e catro horas, pensando nas persoas con horario de traballo nocturno. Pero o certo é que non se cumpriron todas as nosas expectativas. Pediamos a liberación total da peaxe de Redondela, igual que se fixo no Morrazo. Non facelo foi unha decepción para a Xunta e para os veciños de Rendondela. Por outra parte, a bonificación do 20% que se lle aplica aos vehículos pesados é insuficiente. Van ter que seguir circulando por travesías e estradas nacionais. Seguiremos insistindo ata acadar ese obxectivo".

Ethel Vázquez asegurou no Galicia por Diante que as bonificacións na AP-9 non son un obstáculo para que a Xunta siga reivindicando a transferencia da titularidade e a xestión da AP-9.

"O PSOE pretende que siga sendo estatal e só transferir a Galicia a súa xestión. Quedou acreditado que a bonificación das peaxes nesa autoestrada de interese xeral correspondíalle ao Estado. Outra cousa diferente é a titularidade. Dende o Goberno central díxosenos moitas veces que a transferencia a Galicia ía ser un fito histórico. A emenda do PSOE á norma que regulará ese traspaso Xunta racha, de momento, as nosas expectativas".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia