CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Afonso Eiré, xornalista e escritor. Autor do libro "Eu estaba alí".

30/05/2014 - 09:24 h

Os Almorzos: Afonso Eiré, xornalista e escritor. Autor do libro "Eu estaba alí".

O xornalista Alfonso Eiré pasou esta mañá polos micrófonos da Radio Galega para presentar o seu último libro, "Eu estaba alí". Unha obra na que dá testemuño dalgúns dos momentos clave da historia política de Galicia, vividos en primeira persoa.

Un dos capítulos que máis polémica suscitou relata o momento no que o ex-conselleiro do PP Xosé Cuíña lle comunicou que estudaba a posibilidade de ingresar nas filas do BNG.

Eiré afonda tamén nos episodios vividos polo nacionalismo galego, dende a construción do BNG ata o comezo da crise interna, que el establece en 2001 co achegamento entre Xosé Manuel Beiras e o daquela presidente Manuel Fraga, escenificado nun xantar privado.

Eiré reflexiona tamén sobre o PP de G, do que asegura que "perdeu o G", en referencia ao distanciamento entre as políticas lideradas por Núñez Feijoo e as defendidas por Fraga.

Na conversa mantida no "Galicia por diante", o escritor abordou tamén o fenómeno da formación Podemos, asegurando que está á espera de que se defina ideoloxicamente. "Definirse á contra é moi fácil", di, pero agora precisa expoñer o seu discurso programático.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia