CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Goberno, que facer?

30/04/2019 - 08:08 h

Prezado Valiñas, tal e como están as cousas, o comentarista non pode facer moito máis que expoñer as posibilidades que se abren. Agora estamos ante a realidade máis temida: unha cousa é gañar as eleccións e outra é gobernar. Foi o que se dixo na campaña electoral, e é o que se pode demostrar despois de que falasen as urnas.

Sánchez ten tres posibilidades teóricas. Unha, intentar un goberno en solitario con volta a aquilo que se chamou xeometría variable. No PSOE pensan que, se se puido facer con 84, mellor se poderá facer con 123. Pero incluso iso hai que pactalo. A segunda é o acordo con Ciudadanos, que é o que pide, por exemplo, iso que chaman "os mercados"; pero Ciudadanos está noutra estratexia: está en comerlle terreo ao Partido Popular dende a oposición. De feito, Rivera fala coma se fose xefe da oposición. E a terceira, o pacto con Unidas Podemos e outros partidos minoritarios, que darían un apoio parlamentario de 175 escanos. Non é a maioría absoluta, pero é a metade do Congreso. Para evitar o empate constante, supoñendo que o PP poida votar todo cos independentistas, habería que facer acordos puntuais con eles ou con algún deles. E outra situación moi posible: dado que agora veñen as eleccións do 26 de maio, Sánchez deixará pasar esa data antes de falar con ninguén, co cal quédanos pordiante un mes de especulacións.

Opinión persoal: a única maioría estable sería a formada con Ciudadanos, pero non é doada. Xa falei da ambición de Rivera, que é desbancar o PP. Eu agardo que non haxa que chegar a unha situación tan complexa que haxa que pedirlle a Rivera o que se lle pedía a Sánchez ante Rajoy: que por interese nacional non se opoña e teña polo menos o xesto de absterse.

A solución de Podemos con outros é teoricamente razoable, pero dubido moito de que sexa a que máis lle conveña ao país. Estamos nun proceso de arrefriamento da economía. Hai quen fala incluso de recesión europea no ano 2020. O que necesitan os creadores de emprego e de riqueza son estímulos, e non unha política que fale de impostos e de aumento do gasto social, por necesario que sexa. Pensando nesa realidade, é mala solución, pero moito peor sería ter que pactar cos independentistas, que aproveitan a debilidade para resucitar o fantasma da autodeterminación pactada con Madrid.

E visto todo así, eu inclínome polo goberno en solitario doPSOE. Non é doado. Obriga ao acordo permanente, pero iso, a necesidade de acordalo todo, foi o que votamos o domingo. Aínda que xa digo: non é máis ca un criterio persoal.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia