Galicia por Diante
Pablo Arangüena: "Pódese devolver o IVE ou nos orzamentos do Estado ou na reforma do financiamento autonómico"
O deputado socialista Pablo Arangüena dixo que "hai que buscar solucións" para que o Goberno lles devolva ás autonomías os cartos retidos do IVE en 2017, pero "cumprindo a legalidade". En calquera caso, Arangüena explicou no 'Galicia por diante' que o conflito é froito dunha reforma do daquela ministro do PP, Cristóbal Montoro, e que a Xunta nunca protestou ata agora.
"Máis aló de que o Goberno estea cumprindo a legalidade, niso doulle a razón á ministra, hai que articular mecanismos que desde a política permitan compensar esa situación que, volvo insistir, xerou Montoro. Esa maraña, ese lío, hai que desfacelo. Como se desfai? Desfaise dentro da legalidade. Iso non o pode dubidar ninguén. Nós o que defendemos é a lóxica pura e o sentido común: facelo nos orzamentos, que están moi próximos no tempo, ou na reforma do financiamento autonómico, que é un tema que esta programado para esta... en fin, para un prazo breve".
Arangüena tamén avanzou que "a intención é mellorar os orzamentos de 2019", pero matizou que as obras do AVE, "que están rematando", farán que as contas do Estado mingüen os cartos destinados a Galicia, pero "malia iso, tentaremos mellorar o proxecto", dixo. Ademais, explicou que si poden aumentar os fondos para outros proxectos a pesar de que o total sexa inferior.
O deputado socialista non quixo entrar a poñer datas sobre a transferencia da AP-9 nin detalles sobre as rebaixas nas peaxes e dixo sospeitar que a Xunta non quererá formar a comisión Xunta-Goberno para negociar os cambios.
"Teño dúbidas de que a Xunta estea disposta a sentar a negociar. Están embarcándose nunha especie de cortina de fume, de falar de que todo é un agravio comparativo e todo o malo que sucede en Galicia, despois de 11 anos de gobernos de Feijóo, é culpa dun Goberno central que leva o tempo que leva. E todo é un agravio comparativo. Entón, isto é unha cortina de fume para evitar que se faga balance deses 11 anos de Feijóo".
"Embarcados nesa estratexia política, que é unha estratexia, non é outra cousa, non responde á realidade, entón teño dúbidas de que se queira propiciar esa transferencia da AP-9, na cal ten que haber esa complicidade da Xunta, esa colaboración, esa cooperación".