CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Cataluña, estalido social

29/11/2018 - 08:05 h

Médicos, bombeiros, mestres, estudantes, funcionarios... Cinco colectivos, polo menos, en folga. E con atisbos de violencia, porque os Mossos d'Esquadra tivéronse que empregar a fondo en evitar un asalto ao Parlamento. Cando tantos sectores protestan, pódese falar dun estalido social. E coa razón da súa parte. Dende os recortes do 2011 pasaron sete anos, e non se fixo nada. E lembremos que eses recortes foron dun 27 por cento en sanidade e non se recuperou nada, e dun 12 por cento en educación. E lembramos que as taxas universitarias subiron o 60 por cento, e que os funcionarios seguen sen cobrar as pagas extras do 2013 e do 2014.

Mentres esa é a realidade, o Goberno catalán está noutra cousa, como sabemos moi ben polas novas que chegan de Cataluña: un discurso persistente que fala do procés ou de censurar ao rei, e ningunha preocupación polas necesidades das persoas. E aínda máis: os orzamentos do Goberno central prevén unha forte dotación económica para Cataluña, máis de 2.000 millóns de euros, pero o Goberno Torra ten que rexeitar eses orzamentos porque o Estado español é represor, ten presos políticos e non cede no dereito de autodeterminación. E así renuncia a eses cartos, porque están manchados de represión.

O colmo desa incuria escoitouse onte da boca do voceiro adxunto no Parlament de Junts per Catalunya, chamado Eduard Pujol, que dixo que as listas de espera son unha bagatela, que nos preocupamos de cousas que non son esenciais, e que a solución ten que pasar por que Cataluña decida o seu futuro, é dicir, que vote a autodeterminación. Hai que librarse do Estado español para resolver os problemas da Sanidade. Xa se sabe que o Estatoespañol afoga, estrangula dixo Pujol, á nación catalá, e por iso hai listas de espera e os médicos non poden atender ben ós enfermos. Ese é o panorama, Valiñas. O primeiro, a independencia. Os enfermos poden esperar. E xa se sabe que con independencia non haberá enfermos en Cataluña e todo será dunha inmensa felicidade. A realidade está na rúa, señores. Nos despachos oficiais, os soños. A ver se dunha vez gaña a realidade.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia