CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Inmaculada Rodríguez (Unirisco): "É importante que do encontro da Toxa saia financiamento para proxectos empresariais"

29/07/2021 - 08:22 h

A illa da Toxa convértese en punto de encontro empresarial, co evento que reúne hoxe a trescentos empresarios, emprendedores e investidores de cinco sectores claves para o futuro de Galicia.

O foro, previo ao Encontro internacional de empresarios galegos do mundo, céntrase nas áreas do turismo, a biotecnoloxía, a automoción, a aeronáutica e a alimentación. Entre as entidades participantes figura Unirisco, sociedade de capital risco das universidades galegas.

A súa directora xeral, Inmaculada Rodríguez, afirmou no Galicia por diante que o financiamento é fundamental para que boten a andar novos proxetos "é importante darlle visibilidade ao emprendemento que nace nas universidades, nas empresas emerxentes, nos entornos científicos e tecnolóxicos. Sen capital non poden saíren adiante. Unirisco, como empresa de capital risco vencellada ás universidades galegas, é un exemplo. Investimos, coidamos e axudamos a desenvolver proxectos. É necesario diñeiro para financiar esas iniciativas e que boten a andar. O Encontro da Toxa é importante porque permitirá o contacto das principais industrias galegas con investidores e empresarios que están fora de Galicia, e que teñen ganas de apoiaren o desenvolvemento do noso país".

A directora xeral de Unirisco, Inmaculada Rodríguez, explicou que a sociedade de capital risco vencellada ás universidades galegas leva financiado corenta proxectos dende a súa creación, hai vinte anos.

"Unirisco xorde precisamente porque ninguén naquel momento quería apostar por proxectos que non se sabía se tiñan futuro. É fácil poñer diñeiro cando as cousas van ben, pero cando existe un risco, porque algo é incipiente, alguén ten que apoiar esas iniciativas. Doutro xeito, non teríamos medicamentos, nin vacinas nin aplicacións sofware como as que temos agora. De aí xorde a nosa empresa, co propósito de financiar aos emprendedores".

Inmaculada Rodríguez valora de xeito positivo o nacemento da primeira universidade privada de Galicia, auspiciada por Abanca. A entidade que dirixe Juan Carlos Escotet é unha das principais accionistas de Unirisco.

"Todo o que sexa impulsar o coñecemento, fornecer a ciencia e o desenvolvemento, para nós é benvido. Galicia é rica en talento, sabémolo todos, pero un pobo que emigrou durante anos e que agora aposta polo desenvolvemento, para Unirisco é unha alegría".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia