Galicia por Diante
Pactos, tempo de máximos
Ai, benquerido director! Quédanos moito por tecer e destecer! Se alguén pensaba que isto dos pactos era chegar e encher, non lembra o complexo que é poñer de acordo rivais, tanto políticos como económicos. Cando se empeza unha negociación, o que presentan as partes son programas de máximos. Despois, a medida que se vai falando, as mesmas partes fan o que din os labregos: ir ao rego. Agora estamos no intre dos máximos.
O que fixo onte o comité negociador de Ciudadanos lembra moito aquel berro de maio do 68: sé realista, pide o imposible. E imposible é que os candidatos socialistas reneguen da política territorial do seu líder e se apunten á política territorial do adversario Rivera. Pode haber algunha excepción dos que sempre foron críticos con Sánchez, como é o caso de Lambán en Aragón,pero non ata o punto de rebelarse contra o propio partido e condenarse a ser expulsados do paraíso socialista. E é moito máis complicado aínda que se apunten á aplicación do 155 se non hai razóns xurídicas ou delituosas para facelo. Todo isto é un choque frontal imposible de aceptar polos socialistas. Ao mellor un Fernández Vara en Estremadura ou un García Page en Castela-A Mancha están intimamente máis cerca de Rivera que de Sánchez na cuestión catalá, pero non o poden dicir, porque provocarían un cisma. Co cal, unha de dúas: ou Ciudadanos pon esas condicións por se acaso alguén pica ou estase cargando de razón para xustificar a alianza co Partido Popular. Xa veremos.
Distinto é o caso de Podemos e a súa aspiración a entrar no Goberno. Segundo declarou Iglesias á axencia Efe, é un asunto que falou con Sánchez, Sánchez debeulle dicir que cabía esa posibilidade, e Iglesias confundiu os desexos coa realidade e viuse nun coche oficial ante a porta de Galapagar. Pero chegaron as eleccións do domingo, e Deus, que dicía Tierno Galván que nunca abandona o bo marxista, púxose de parte de Sánchez, quitoulle votos a Unidas Podemos e deulle ao presidente argumentos para desdicirse e non abrir a Iglesias as portas do Consello de Ministros. Moito ten que argumentar Iglesias agora para convencer a Sánchez e que o faga ministro. E Iglesias vai perder ademais outra guerra: a guerra da imaxe, porque a caricatura vai facer que quede como un home que quere tocar poder e poltrona coa desculpa de forzar políticas de esquerdas.
Así están as cousas a mércores. Pero isto non fixo máis que empezar e nin sequera coñecemos xuntanzas das partes para empezaren a falar. O bo que ten o panorama é a limitación de tempo. Caia do lado que caia cada acordo ou desacordo, todo ten que estar pechado antes do 15 de xuño, Valiñas.