CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Borrell e ministros, na picota

28/11/2018 - 08:05 h

Coñezo a Borrell dende que os dous tiñamos dezaseis anos. É dicir, dende hai máis de medio século. Sempre me pareceu un home íntegro que, se cometeu algunha irregularidade, non foi maior que as cometidas por outros que non están sometidos á vixilancia pública. Non pedín a dimisión de Màxim Huerta candose soubo o da súa sociedade, nin a da ministra Montón, cando se soubo o do seu máster ou da tese, que non lembro moi ben o que foi. Tampouco pedín a da ministra Dolores Delgado, cando lle pareceu ben que Villarejo propuxese crear un grupo de putas para obter información de ricos e poderosos. Nin hoxe pido a do ministro Duque, porque tivo unha sociedade, igual que Màxim Huerta. E non sei se hai algún ministro máis implicado en irregularidades, pero só con estes sáenme cinco. É dicir, unha barbaridade de ministros que, como diría Sofía Mazagatos, están no candelabro; pero non para lucirse, senón para queimarse. O señor presidente do Goberno é o único responsable do seu nomeamento e é, polo tanto, o responsable de mantelos ou cesalos. Se nos os cesa ou lles manda dimitir, a razón é moi evidente: non quere converter o Consello de Ministros nun gabinete fallido, cheo de xente que non era de fiar.

O de Borrell é feo. Ser multado por usar información privilexiada e vender accións de Abengoa un día antes da caída desa empresa, da que era conselleiro de administración, non é algo do que poida presumir no seu currículo. Pero el nega a información privilexiada co argumento de que, se a tivese, vendería todo e, polo tanto, temos palabra contra palabra. Ante a contradición, presunción de inocencia. Que pague a multa de 30.000 euros, que non é pouco; pero a dimisión é cousa súa e do presidente. É moi arriscado prescindir por ese motivo dun ministro que non é de Cultura, nin de pouca monta, senón de Asuntos Exteriores. E, á fin e ó cabo, se Sánchez erra manténdoo no Goberno, xa o pagará nas eleccións. Coido que o pobo non o vai xulgar por iso. E, persoalmente, a un amigo eu nunca lle pido a dimisión. E ti xa me entendes, benquerido Valiñas.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia