CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Alberto Fuentes: "Contamos con ter vacinas suficientes de AstraZeneca para a segunda dose"

28/05/2021 - 08:18 h

O secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes, asegura que a segunda dose de AstraZeneca está garantida polos previsións de subministración para os próximos meses.

Nunha entrevista no 'Galicia por diante', Alberto Fuentes sinalou que o Ministerio de Sanidade recibirá 1 millón 300.000 doses de AstraZeneca a semana que vén, das que Galicia recibirá a porcentaxe que lle corresponde.

Fuentes non quixo entrar na polémica sobre se é mellor AstraZeneca ou Pzifer para a segunda dose e afirmou que Galicia cumpre co acordado no Consello Interterritorial de Sanidade e permite optar entre as dúas vacinas.

Por outra parte, ás doce desta noite entran en vigor as medidas decididas o martes polo comité clínico como a ampliación a dez do número máximo de persoas que poden reunirse en espazos ao aire libre e a seis en interiores.

Ademais, os concellos de Mos e A Pobra do Caramiñal entrarán no máximo nivel de restricións e Lobios seguirá unha semana máis en peche perimetral.  

O secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes, suxeriu que se vai seguir avanzando na flexibilización das medidas en función da evolución da pandemia, pero de momento, as reunións deben estar aínda acoutadas por unha cifra limitada de participantes.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia