CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Ciudadanos e os pactos

28/05/2019 - 08:03 h

Este país sempre suspirou por ter un partido de centro, liberal ou así, co que puidesen pactar o Partido Socialista e o Partido Popular en caso de non ter maioría absoluta. Ese desexo fundouse en que, se o houbese, non habería que andar mendigando o apoio dos nacionalistas. Agora hai ese partido, que se chama Ciudadanos, e cumpriuu relativamente esa función. Foi cando apoiou un Goberno socialista en Andalucía e, ao mesmo tempo, apoiou un Goberno do Partido Popular en Madrid. Centro puro, como se pode ver. Á disposición da esquerda cando a esquerda é a máis votada, e a disposición da dereita cando taméné a máis votada.

Despois, hai uns meses, parece que rompeu a tendencia, e Ciudadanos optou por interromper a longa estancia no poder do socialismo andaluz, e optou por unha coalición de dereitas que deu orixe ás tres dereitas, que tanto explotou o PSOE para mover o fantasma da volta da extrema dereita ou incluso do fascismo. Ao PP custoulle moitos votos, pero Ciudadanos non saíu mal parado do experimento. De feito, pasou de ser a cuarta forza política a converterse na terceira, por riba de Podemos.

Agora a situación é que hai que formar unha maioría no Goberno central, e as enquisas din que se prefire unha coalición con Ciudadanos antes que con Podemos. O mundo económico, empezando pola CEOE, empuxa tamén nesa dirección. No que respecta ás eleccións deste domingo, hai oito comunidades autónomas que necesitan un pacto e polo menos sete cidades das grandes ás que lles pasa o mesmo. O drama do PSOE é que con Podemos non chega. A vantaxe do PP e do mesmo PSOE é que chegan con Ciudadanos. Por iso Albert Rivera se converteu na noiva de España, a que todos buscan e á que todos queren invitar a cear.

Os problemas de Ciudadanos son dous. Un, que prometeu que aos socialistas nin auga, pero iso pódese cambiar. O outro é que ten que coidar os intereses de partido, e iso é unha trampa saducea. Se quere ocupar o posto do PP, non pode darlle máis poder territorial. Pero, se aspira a gañarlle ao PSOE, tampouco opode favorecer. Neste intre, é moi interesante o que acaba depasar: está disposto a falar con Sánchez e elimina as liñasvermellas, tanto para negociar co PSOE como incluso con Vox. Nonestá mal para empezar a andar.

Pero, polo de agora, estamos na fase de tenteo. O Huffington Post chega a dicir hoxe que o PSOE vai propoñer a Ciudadanos que poida gobernar o Concello de Madrid con Villacís, a cambio de que Gabilondo presida a Comunidade. Xa veremos en que acaba todo. Falaremos disto moitos días. Pero cambiou o panorama. E imos ver moitas sorpresas, Valiñas.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia