Galicia por Diante
Pacto Rivera-PP
Para falar desta oferta de pacto, fáltame un dato fundamental, polo que pido desculpas: por que Albert Rivera se lanza por esa vía. Teño claro que pretende sinalar quen é o seu inimigo electoral, que é Pedro Sánchez, ao que pretende botar da Moncloa como sexa e aliándose con quen sexa. Non teño tan claro por que, ao ofrecerse así ao referente da dereita, renuncia á vitola de centro da que presumiu todo o tempo que leva na política e da que podía ter a exclusiva. Esa renuncia fai supoñer a moitos analistas que quere frear a perda de votos pola dereita e dá por perdidos os que se lle foron pola esquerda. Polo tanto, é unha estratexia calculada e non explicada.
O que ten de malo para ser ben recibida polo Partido Popular é que a presentou como unha OPA: a ver quen ten máis votos, e o gañador será o que presida ese Goberno de coalición. E o PP, claro, non xoga a iso. O PP vese de primeiro niso que se chama as tres dereitas e pon todas as dificultades que pode poñer: que, para facer unha coalición, habería que facela en prazo, que habería que pactar polo menos unha lista conxunta ao Senado, e lanza outra OPA aos votantes de Ciudadanos: se queredes expulsar a Sánchez, votade útil, que é votar ao PP. E a Albert Rivera despídeo Casado cunha ironía: "Sería un magnífico ministro de Asuntos Exteriores".
Conclusión primeira: aquí hai dúas batallas que xa estaban planeadas, pero agora póñense por riba da mesa. Unha é a doliderado do bloque conservador e a outra é pola Presidencia do Goberno. Parecen a mesma, pero non o son. A do bloque conservador ten un pouco de fratricida, que amosa as diferenzas internas e promete agresións ata o mesmo día 28 de abril. A do Goberno resolverase o día seguinte da votación, cando se coñezanos datos e estean claras as forzas de cada un.
E ese día haberá un terceiro factor en discordia, Vox, que se pode alzar con 30 deputados, que farán falta para calquera composición de Goberno. Sen eses escanos, e segundo as enquisas, non haberá maioría conservadora posible. Por que Rivera non di nada diso? Porque ten medo. Tenlle medo a Valls, que rexeita calquera pacto coa extrema dereita. E tenlle medo a Macron, que acaba de anunciar que romperá con Ciudadanos se pacta con Abascal. É dicir, que Rivera se meteu nun niño de velutinas e pode acabar definitivamente coa imaxe de centro, que, por certo, xa non cita, senón que onte mesmo se definía como liberal e progresista. E despois de todo, as cousas quedarán como estaban: pendentes do que pase o día 28. Xa sabes, Valiñas: se sae con barba, santo Antón. E, se non, a Purísima Concepción.