Galicia por Diante
Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas: "A AP-9 estase a converter na vía de altas prestacións coa maior peaxe en España"
A conselleira de Infraestruturas expresou a súa preocupación na Radio Galega ante a previsible suba das peaxes da AP-9 que hoxe podería aprobar o derradeiro Consello de Ministros do ano. Unha suba para compensar a empresa concesionaria da vía, Audasa, polo sobrecusto que supuxeron as obras de ampliación en Santiago e na ponte de Rande.
Ethel Vázquez pide que o custo destas obras o asuma o Goberno central a través dos orzamentos xerais do Estado, mediante un pagamento anual de 53,1 millóns de euros. Así figura nunha proposta remitida ao Goberno central e que aínda non obtivo resposta.
"Eu lamento que o Goberno central non respondese á proposta da Xunta, pero autorice unha suba extraordinaria para o vindeiro 1 de xaneiro para financiar obras de ampliación da autoestrada con cargo a peaxes", explicaba nunha entrevista no 'Galicia por diante'.
"A AP-9 estase a converter na vía de altas prestacións coa maior peaxe de España. É un desequilibrio importante o que estamos a ver. Por iso dende a Xunta defendemos unha proposta realista e viable para evitar 17 anos máis de subas extraordinarias e desproporcionadas e reducir ese desequilibrio con outras comunidades autonónomas".
A conselleira de Infraestruturas considera "inaceptables" as cláusulas introducidas no real decreto que prevé o incremento anual das peaxes para compensar a Audasa polas obras da autoestrada. Segundo explicaba, "vanse pagar 1.400 millóns de euros a Audasa por obras que custaron preto de 230 millóns de euros". Vázquez lembraba: "O ano pasado (as peaxes da AP-9) subiron case un 6% en catro meses, agora un 2,6%, moito máis ca o IPC e máis ca outras autoestradas de España; e o ministro de Fomento e o delegado do Goberno en Galicia parece que aceptan este desquilibrio".
Ethel Vázquez critica a falta de interlocución co Goberno central para falar deste asunto. Ata o momento o Executivo central non accedeu a reunir a comisión bilateral solicitada pola Xunta de Galicia.
"Non temos interlocución a pesar de que a pedimos. Sei que poñen desculpas dun goberno en funcións, pero xa son moitos meses de gobernos en funcións e hai que funcionar. Eu agardo sensibilidade e que analicen a proposta realista que fixemos, que está explicada polo miúdo na documentación enviada a Madrid e que nos convoquen. O que nos toca é insistir, perseguir e explicar a nosa proposta realista e viable para que a entendan os galegos e que se entenda en Madrid".
Na entrevista da Radio Galega, a conselleira explicou os detalles da licitación da primeira fase da conversión en autovía da vía de altas prestacións Nadela-Sarria e das obras da vía de alta capacidade Tui-A Guarda entre a A-55 e o enlace de Areas.
No primeiro caso, trátase dunha actuación en 11 quilómetros, en que a Xunta investirá 24,6 millóns de euros. A licitación farase nos vindeiros días. As obras comezarán a principios de 2020 e teñen un prazo de execución de 24 meses. Vaise construír un terceiro carril sobre o trazado existente que permitirá, segundo Ethel Vázquez, mellorar a "seguridade e comodidade" nunha vía que absorve diariamente arredor de 7.400 vehículos.
A segunda obra que se licitará nos próximos días é o inicio da VAC Tui-A Guarda e o seu enlace coa A-55 e o polígono de Areas, por un importe de 21,2 millóns de euros. As obras comezarán a mediados deste ano e teñen un prazo de execución de 18 meses.
Con estes dous proxectos, segundo a conselleira, a Xunta pretende "vertebrar as provincias de Pontevedra e Lugo e seguir apostando polo rural".