CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Xibraltar, versión May

27/11/2018 - 08:04 h

Se lembras como acababa onte o meu comentario, non te sorprenderá o da señora May. Onte destacaba que a 'premier' británica dixera que, en canto a Xibraltar, nada cambiara nin cambiará. Pois esa é a súa filosofía: manter que nada pasou. Ten razón nunha cousa: ao artigo 184, que xa empeza a ser coma o artigo 155 en repercusión mediática, non se lle variou nin unha coma. Está coma antes de que España presentase o conflito e Sánchez fixese o órdago que fixo. O que se variou foron os textos engadidos: tres documentos que son os que fan falar a Sánchez dun éxito histórico e que conteñen o mesmo: que no futuro, cando haxa que falar de Xibraltar, España ten que ser consultada antes. Iso consideraba Sánchez e iso é o que está nos papeis. Pódese discutir se eses textos teñen valor xurídico ou vinculante, pero non que existan e que teñan o apoio europeo. E xa hai países, como Alemaña, que din que si, que teñen efecto vinculante; é dicir, que se teñen que cumprir.

Que lle pasa a Theresa May? Que ten que mantela e non emendala. Recoñecerlle a España que conseguiu algo é confesar unha derrota súa na negociación, e iso non o fai un primeiro ministro británico nin baixo tortura. Necesita, ademais, dicir que gañou ela para o combate que vai ter no Parlamento de Westminster, porque sen a súa aprobación non hai 'brexit' nin Cristo que o fundou.

E unha última consideración: aquí non se está xogando só unha cuestión técnica do Brexit. Estanse xogando principios patrióticos con intención electoral. Niso están empatados May e Sánchez. A inglesa, porque está movida polas súas conviccións imperiais, ás que non pode renunciar. Por iso lle escoitei onte ao embaixador inglés en Madrid que Xibraltar nunca será español nin aceptarán a aspiración de García-Margallo da soberanía compartida. E o español, porque Xibraltar lle vén ben para facer un discurso patriótico, de integridade territorial, agora que lle din que é socio dos que queren romper España. E nesas andan. O que importa é o que queda escrito. E despois, que se cumpra, que iso está por ver.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia