CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Marcos Bourio: "Imos instar a que continúen as xestións para derrubar as torres do Garañón"

27/09/2019 - 08:06 h

O presidente da Plataforma en Defensa das Costas do Parque Rosalía, Marcos Bourio, que promoveu a denuncia que paralizou as obras das torres do Garañón en Lugo, valorou o peche da instrución da xuíza Pilar de Lara na que propón sentar no banco dos acusados ao que fora alcalde de Lugo Xosé López Orozco e ao ex-presidente da Deputación e ex-secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro. Acúsaos de autorizaren en 2005, sendo Orozco alcalde de Lugo e Besteiro edil de Urbanismo, un convenio para construír de xeito irregular uns edificios na zona do Garañón só para beneficiar un construtor. En total, na causa están investigadas 11 persoas.

Marcos Bourio di que "estamos á espera de que continúen os acontecementos, despois de denunciar no seu día que había unhas irregularidades na xestión desta zona, que veñen referendadas polas catro sentenzas en contra (dúas no Contencioso-Administrativo de Lugo e dúas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia) e a nulidade deste proxecto. Polo tanto, a xestión foi nefasta e mal levada nesta unidade de dotación".

Sobre a posibilidade de que o xuízo tarde en celebrarse pola sanción a Pilar de Lara e polos recursos que anuncian algúns acusados como López Orozco e Gómez Besteiro, o presidente da Plataforma en Defensa das Costas do Parque Rosalía evitou valorar esta circunstancia porque "non podemos facer nada neste sentido; son cousas dos procedementos e hai que seguir esperando, como xa levamos esperando bastante tempo".

Canto á data de derrubamento das torres do Garañón, Marcos Bourio sinala que "desde o Concello (de Lugo) non nos din nada. Nós estamos a esperar o derrubamento porque hai unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que di que hai que repoñer o terreo ao estado inicial antes de edificar estas torres. As licenzas están anuladas... e nós imos instar a que continúen coas xestións para o derrubamento das torres". Admite que "estas cousas son complexas e imos intentar que se cumpra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e non podemos facer nada máis".

Sobre a indemnización ao construtor (que reclama máis de 26 millóns de euros) e que a Plataforma en Defensa das Costas do Parque Rosalía pedía minimizar, Marcos Bourio di que "non hai ningunha novidade; está todo no xulgado. Haberá que esperar. Parece que a xestión do propio promotor foi nefasta tamén e puido haber unha xestión non axeitada á legalidade, e imos esperar a ver que pasa con isto".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia