CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Fabiola García confía en reducir á metade as esperas na tramitación da dependencia co plan aprobado pola Xunta

27/05/2021 - 08:18 h

A conselleira de Política Social, Fabiola García, explicou no 'Galicia por diante' o plan de medidas aprobado polo Goberno galego para simplificar e axilizar a tramitación das prestacións e servizos da dependencia.

García confía en que se reduzan á metade os tempos de espera ao se reducir burocracia.  "Supón unha simplificación moi importante porque se reduce case á metade os 26 papeis que é preciso presentar" sinalou.

"Se hai algo do que somos conscientes, é que aínda hai persoas maiores que presentan a solicitude e esperan máis do que desexan. Os trámites administrativos son excesivamente farragosos. A administración autonómica, a municipal e as autoridades sanitarias faremos uso da historia social única que será moi útil. Reduciranse os papeis e os tempos de espera para acceder a unha prestación económica ou un servizo" apuntou a conselleira.

Fabiola García explicou que outra das medidas que recolle o plan é a creación de centros e equipos itinerantes para realizar as valoracións da dependencia. Tras unha proba na provincia de Ourense, nas próximas semanas estarán en marcha máis equipos itinerantes que realizarán as valoracións en comarcas e concellos.

A conselleira de Política Social avanzou que o seu departamento traballa na reforma da Lei de inclusión social para compatibilizar as axudas da RISGA e do Ingreso Mínimo Vital. "Neste momento estamos a traballar coas entidades de loita contra a pobreza. Galicia ten que modificar a lei de inclusión social despois da posta en marcha do Ingreso Mínimo Vital. Nós xa lle advertimos ao Goberno central, ao ministro de Seguridade Social e ao exvicepresidente segundo, a Pablo Iglesias, que o Ingreso Mínimo Vital non ía funcionar ben e que a Seguridade Social non ía tramitar ben tantas solicitudes e a situación actual dános a razón. Hai moitas persoas en Galicia esperando polo Ingreso Mínimo Vital, pero non os deixamos atrás porque seguiron a percibir a RISGA" asegurou.

Fabiola García lamentou que a nova ministra de Asuntos Sociais, Ione Belarra, non respondera á carta que lle enviou en que debullaba os compromisos que o Goberno central ten pendentes con Galicia en materia de servizos sociais. Reclama a conselleira que o Goberno central aclare se segue adiante o proxecto do centro galego de discapacidade e a dotación económica para convertelo en centro residencial. Ademais reclama ao Goberno central o pagamento de 1,7 millóns de euros que, segundo a conselleira, lle corresponden a Galicia dos fondos COVID e que non se pagaron por un erro no cálculo das partidas destinadas ás comunidades.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia