Galicia por Diante
Alberte Vila, coordinador da plataforma Transportistas.gal: "A suba das peaxes da AP-9 é un despropósito"
O Consello de Ministros de mañá previsiblemente aprobará unha suba das peaxes da AP-9 do 2,6 por cento para 2020. Alberte Vila, coordinador da plataforma Transportistas.gal, dixo no 'Galicia por diante' que "a partir do 1 de xaneiro un camión que faga o traxecto de ida e volta entre Ferrol e Tui vai pagar 100 euros", o que cualificou de "insoportable" para a economía dos transportistas e alertou de que "isto nos leva a unha dinámica moi prexudicial, que o camión se desvíe a unha vía libre de peaxe" o que tachou de "nefasto para a seguridade viaria".
Vila cre que o Goberno central finalmente lle dará luz verde á suba proposta por Audasa e non atenderá a petición do Executivo galego. A Xunta propoñíalle ao Goberno que o custo das obras da AP-9 se sufragase a través dos orzamentos xerais do Estado, en vez de mediante subas da peaxe, e que se ampliasen as bonificacións aos usuarios da autoestrada.
"Non teño esperanzas de nada", afirmou, en referencia a unha posible sorpresa no Consello de Ministros. No caso das obras da ponte de Rande, "que foi un auténtico abuso", dixo, "o Goberno estivo mirando para outro lado, tanto a Xunta como o Central".
Vila tamén fixo referencia ao "aguinaldo que temos que pagar os galegos ata 2048", mentres noutros territorios do Estado "unha vez finalizada a consesión se liberalizarán as peaxes" en breve prazo.
Máis de mil transportistas xa se sumaron á demanda colectiva impulsada pola plataforma contra Audasa polas peaxes cobradas pola concesionaria da autoestrada AP-9 durante os atascos nas obras da ponte de Rande. Alberte Vila dixo que "temos máis de medio millón de euros en reclamacións preparadas e segue habendo máis solicitantes", que teñen aberto o prazo ata final de ano.