CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

'Brexit', tres perspectivas

26/11/2018 - 08:05 h

O tema do 'brexit' ten hoxe tres perspectivas: a europea, a británica e a española con Xibraltar. A europea é que, se todo se consuma, empezamos a ter unha Europa máis débil e máis pequena. O país que se vai non é un dos pequenos do leste, é unha das grandes economías. O feito de que o acordo que onte se ratificou en Bruxelas sexa o mellor ou o único posible non rebaixa a dimensión de mala nova.

A perspectiva británica é incerta. Hoxe por hoxe ninguén pode dar por seguro que o Parlamento inglés vaia aprobar o documento que lle presentará o día 12 de decembro a señora May. En contra del súmanse os que queren un 'brexit' máis duro e os que non queren ningún Brexit e estarían dispostos a convocar un novo referendo, que non se sabe quen o gañaría. Dende ese lado toca agardar. Non se pode facer outra cousa.

E a perspectiva do noso país está condicionada polo debate político que se suscitou e que é certamente singular. Custa traballo entender como o mesmo acordo lle fai dicir ao presidente do Goberno que é un logro histórico e á oposición do PP que é un fracaso igualmente histórico ou unha aldraxe e a Ciudadanos que é papel mollado que non vale para nada. E a mesma reacción é aque se publica nos medios informativos. Coido que isto pasa porque Pedro Sánchez se pasou na dose de autobombo e porque a oposición xa se sabe: ten que estar á altura do Goberno nas descualificacións. Se non, parece que non fai oposición.

O meu criterio é o seguinte: Sánchez fixo un órdago no que xogaba a presidencia a efectos de impacto popular. Se tivese que tragar, hoxe estaría nunha crise persoal de difícil superación. Conseguir que lle fixesen caso e arrancar tres compromisos de que no futuro non se falará de nada de Xibraltar sen contar con España permítelle salvar a cara e despois será o que sexa. Saíulle ben, como lle podía saír mal.

Pero hai por aí unha leria que fala de soberanía e cousas polo estilo. Que ninguén se chame a engano: trátase de que se consulte a España, nada máis. Nin resolución dun conflito de trescentos anos nin nada parecido. E, se non, que escoiten á señora May: "Na soberanía de Xibraltar nada cambia nin cambiará". Palabra de May, non te gabamos, señora.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia