CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Antón Acevedo: "Os datos nas residencias demostran a eficacia das vacinas"

28/07/2021 - 08:17 h

O director Xeral de Atención Integral Sociosanitaria da Xunta, Antón Acevedo, afirmou no Galicia por diante que a situación na residencias de maiores é estable. "As cifras demostran a eficacia da vacinación. Hai pequenos gromos en residencias de maiores. Hai algún tamén en centros de discapacitados, pero a situación non ten nada que ver coa de febreiro deste ano, cando rematou a campaña de vacinación. A incidencia da infección e a gravidade dos casos é moito menor. Por iso, a mensaxe é que hai que seguir vacinando. As vacinas son moi efectivas, e, cantas máis persoas reciban a pauta completa, antes rematará a pandemia. Galicia é unha das comunidades con máis xente vacinada, e, se non hai máis, é porque non chegan doses suficientes". "Polo que respecta aos contaxios en centros de atención á discapacidade, esta semana tiven ocasión de visitar en Betanzos sofriu un dos máis castigados o ano pasado pola pandemia. A situación é infinitamente mellor agora, pero mantemos as medidas de seguridade porque o risco segue aí. Sabemos que as persoas vacinadas poden infectarse e mesmo poden presentarse casos graves".

Antón Acevedo explicou que a Xunta está de acordo cos criterios mínimos que rexerán o novo modelo de residencias de maiores, proposto polo Goberno central. "A comezos desta semana abordamos co Ministerio de Dereitos Sociais e o resto das autonomías o documento que senta as bases do novo modelo de atención e de coidados ás persoas maiores. Nós votamos a favor porque estamos de acordo nos criterios mínimos, con establecer unidades de convivencia e unha atención que se adapte aos maiores e ás persoas con discapacidade". "Pactamos as bases do acordo, que debería estar listo en decembro. Baixo a competencia das automías e a coordinación estatal, vamos cara un modelo de atención centrado nas persoas, coa división das residencias en unidades de convivencia, un modelo máis próximo ó concepto de fogar".

O director Xeral de Atención Integral Sociosanitaria dixo que, na reunión do Consello Territorial, Galicia defendeu a implantación de "pasarelas" que axilicen a valoración de discapacidade para os grandes dependentes. "O recoñecemento de graos de dependencia e a discapacidade son neste momento dous procesos distintos. Iso demora os trámites para a valoración e obriga a facer demasiado papelame. Queremos simplificar o proceso, por iso propoñémoslle ao goberno central establecer esa pasarela. "É o momento de recoñecer a dependencia e o grao de discapacidade, de xeito case simultáneo, para que as beneficiarias e beneficiarios reciban canto antes os recursos da Administración aos que teñen dereito".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia