CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Francisco Caamaño: "Toda combinación de vacinas aprobada polas autoridades sanitarias é segura e eficaz"

26/05/2021 - 08:14 h

O doutor Francisco Caamaño, membro do comité clínico que asesora a Xunta, cre que nas próximas semanas as autoridades sanitarias permitirán estar sen máscara ao aire libre en espazos pouco concorridos.

Nunha entrevista no 'Galicia por diante', o profesor de Medicina Preventiva da Universidade de Santiago asegurou que esa medida se tomará en función do avance da campaña de vacinación e a baixada sostida dos contaxios. 

En todo caso, afirma Francisco Caamaño, a máscara debémola usar sempre en interiores e en lugares onde non haxa distancia de seguridade entre as persoas.

Dúas semanas despois do levantamento do estado de alarma, Caamaño estima que a situación da pandemia en Galicia permite que poidamos vivir con maior tranquilidade, pero con prudencia

Asegura que, malia a redución do número de positivos diarios, cada contaxio novo entraña o risco de que se espalle unha nova mutación do virus potencialmente perigosa.  

O doutor Francisco Caamaño afirma que calquera pauta de vacinación avalada polas autoridades sanitarias é segura e eficaz. Cre, non obstante, que a polémica suscitada polas autoridades sanitarias sobre a combinación de diferentes vacinas entre a primeira e a segunda dose "foi equívoca e confusa" e levou a poboación a que percibise riscos inexistentes.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia