Galicia por Diante
Coalicións a debate
Punto de partida: todo o que se está a dicir sobre as alianzas de despois ten, de momento, intención electoral. Se o ministro Ábalos, por exemplo, di que quere aliarse con Ciudadanos, é por amosar unha cara amable e constitucionalista para seguir gañando a centralidade. O que non acabo de entender é que Ciudadanos lle poña un cordón sanitario: ten que ser tamén por alguna razón electoral, porque non quere xogar a ser bisagra, senón gañador.
Despois, se hai tantas cábalas, é porque a coalición empeza averse como inevitable. E é inevitable, primeiro, porque non está prevista ningunha maioría absoluta. Segundo, porque fará falta que este país sexa gobernable, aínda que sexa facendo estraños compañeiros de cama. Terceiro, porque os medios informativos alimentamos esa necesidade a falta doutras realidades. E cuarto, porque España xoga moito nesas alianzas. Evidentemente, non é o mesmo unha xuntanza ou un acordo entre o PSOE e Ciudadanos que entre o PSOE e os independentistas.
Falo moito do PSOE, porque, segundo as enquisas, todo vai xogar arredor de Sánchez, que de momento se perfila como o gañador e o que ten a tixola polo rabo. Pero de xeito polo momento tan estraño coma este: Pablo Iglesias pide entrar no Goberno para cambiar o país. Pero Rivera, insisto, di que con Sánchez nin á volta da esquina, expresión textual de Inés Arrimadas. E atención, que Echenique, de Podemos, ve outro pacto, que el chama o Pacto do Ibex, que coido que é un xeito de
transformar en discurso aquilo que dixo Pablo Iglesias: "Van por nosoutros", que queda moi ben como vitimismo.
Pero en fin, benquerido Valiñas, todo isto é, de momento, falar por falar. Primeiro, votemos. Despois, vexamos o que votamos. E só a partir diso, a repartición de poder e responsabilidades segundo o que saia das urnas. Hoxe estase a vender o oso antes de cazalo. E todo, sen descartar dúas cousas: unha, que quen gobernou e resistiu con 84 escanos pode intentar gobernar con 130, con aquilo que José Blanco chamou "xeometría variable". E a outra, que quen teña que decidir, decida con responsabilidade. Direi a palabra outra vez: con responsabilidade. E, se tivese que expresar un desexo, sería este: que desa coalición que ninguén sabe como será saia a ruptura dos bloques. Porque dunha España partida en dous bloques nada bo pode saír.