CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Adeus, Illa, adeus

26/01/2021 - 07:33 h

Non foi moi longa a estancia de Salvador Illa no Ministerio de Sanidade: un ano raspado. Foi a Madrid como cota do PSC, porque algo lle había que dar. Sanidade era un ministerio pouco conflitivo, ten as competencias transferidas e ser ministro era un pouco como ser rei: facer de árbitro, mediar nos conflitos e garantir a unidade do sistema nacional de saúde cos carácteres dun réxime federal. Pouco durou esa definición: aos dous meses e medio do seu nomeamento, o Goberno tiña que declarar o estado de alarma con mando único, e á fronte dese mando estaba Illa, pero deixando sitio ao presidente para as súas homilías dominicais. O líder era o líder, necesitaba fortalecer o liderado e Illa camiñaba como o home da raíña de Inglaterra: catro pasos por detrás.

Eu non sei se Illa foi ou non foi un bo ministro. Digamos que estivo na media dos ministros europeos, sen grandes momentos que asombrasen o contribuínte, pero tamén sen grandes fracasos que pediran a berros a súa dimisión, salvo que lle queiramos botar a culpa da cantidade de mortos que houbo ou a falta de solucións efectivas á pandemia. O que si penso é que se puido marchar algo mellor. Non é moi elegante irse sen atender a oposición á que lle prometera un informe sobre a situación. Tampouco é moi elegante non agardar ao reinicio do curso parlamentario, que se fai pasadomañá. Así que o seu retorno a Barcelona ten un pouco de fuxida, como se fose apagar un lume ou como se escapara vergoñosamente do control parlamentario. Agora deberá ser Carolina Darias quen presente ese informe, aínda que eu prefería a Pedro Sánchez, xa que vivimos en alarma auténtica, como demostran, sen ir máis lonxe, as medidas adoptadas pola Xunta de Galicia.

E dito iso, eu persoalmente celebro o que se chama “efecto Illa” e que xa veremos se existe ou non. Celébroo, porque se hai algunha persoa que pode baixarlle os fumes ao independentismo catalán é Salvador Illa. E se hai un partido que pode restablecer a Constitución en Cataluña, é o PSC. A súa misión é, polo tanto, transcendental. Aínda que non chegue a gobernar ou se ten que gobernar co apoio de Esquerra Republicana. En Cataluña hai outros tres partidos constitucionalistas, o PP, Ciudadanos e Vox, pero ningún está en condicións de frear a utopía independentista, ni o estarán e moito tempo. Hai un cuarto partido máis dubidoso, que é Podemos, En Comú Podem, que é o que Illa prefire, segundo revela hoxe mesmo, pero en cuestións de Constitución e soberanía aínda non é de fiar. Que quero dicir con isto? Que, se hai alguna posibilidade de encarrilar o problema catalán, pasa por Salvador Illa, benquerido Valiñas. E encarrilar o problema catalán é empezar a resolver un dos meirandes problemas do país.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia