CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Cesáreo Pardal: "Agardamos como auga de maio un aumento da capacidade máxima na hostalería"

25/05/2021 - 08:15 h

O presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, manifestou no 'Galicia por diante' a súa confianza en que o comité clínico que asesora a Xunta sobre a covid anuncie hoxe unha ampliación da capacidade máxima de clientes na hostelería. Matizou, porén, que a decisión debía ter chegado antes. "Dende logo, agardamos como auga de maio que se amplíe o número de persoas que poden xuntarse, por exemplo, para xantar, ou tomar algo nunha terraza". O límite neste momento é de 4 persoas no interior dos locais e de 6 en exteriores. "As guías turísticas non poden facer rutas de máis de catro persoas, os museos tampouco poden acoller grupos de máis de catro. É algo incrible que chegue un autobús con cincuenta persoas e só poidan entrar en grupos de catro. No sector turístico non entendemos por que o comité clínico non tomou antes a decisión de aumentar os máximos de capacidade. O incremento debería decidirse en función de como evolucione a situación en cada concello".
 
Cesáreo Pardal agarda a apertura de establecementos que aínda están pechados, pero apela á prudencia. "Coincido con Fernando Simón en pedir que se rebaixe o estado de euforia, vendo o ambiente que se palpou nos últimos días en Madrid. Temos que ir pouco a pouco, con cautela, reabrindo os negocios e agardando que aumente o ritmo de vacinación. Esto último é moi importante".
 
O responsable do Clúster destacou durante entrevista o bo ritmo das reservas turísticas en Galicia con vistas ao verán. "As reservas van en aumento. Para o mes de agosto van moi ben. Entre mediados de xullo e mediados de setembro é cando se rexistran máis reservas en hoteis e aloxamentos turísticos". Cesáreo Pardal dixo que a recuperación nótase, sobre todo, no turismo nacional. "Durante o Xacobeo chegarán, sobre todo, turistas doutras comunidades. Nótase tamén a chegada de peregrinos a Santiago. O turismo internacional non se reactivará, como mínimo, ata finais de ano, a medida que se restablezan os voos procedentes doutros países".
 
O presidente do Clúster criticou que o Goberno non aclarase aínda se haberá prórroga dos expedientes de regulación de emprego a partir do 31 de maio. "A cinco días de que caduque a actual prórroga, os empresarios non saben que facer a próxima semana cos traballadores. Hai sectores e tipoloxías de turismo con moita xente nos ERTE que están pasándoo moi mal. Entre eles, turoperadores, axencias de viaxes e guías turísticos. Sobreviven dende hai meses grazas a esa cobertura".
 
Sobre a recente Feira Internacional do Turismo, celebrada en Madrid, Cesáreo Pardal recoñeceu que non pode compararse coas edicións anteriores á pandemia. "Houbo pouca afluencia de público e a presenza de turoperadores e axencias de viaxe foi moi escasa. Houbo poucas oportunidades de negocio, pero o posto de Galicia tiña que estar alí. Fitur é un bo escaparate, sobre todo neste momento momento de reactivación do sector turístico".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia