CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Jorge Cebreiros: "Temos que concienciar o Goberno de España para que defenda en Bruxelas o Corredor Atlántico"

25/03/2021 - 08:18 h

O presidente dos empresarios pontevedreses defende a urxencia de mellorar as conexiones ferroviarias entre Galicia e o norte de Portugal e a rede atlántica dentro da rede transeuropea.

Despois dunhas xornadas celebradas onte, coa participación do presidente da Xunta de Galicia e mais do presidente da Junta de Castela e León, o presidente da patronal, Jorge Cebreiros, insiste en que cómpre darlles un pulo ás negociacións en Bruxelas para poder acceder aos fondos comunitarios.

"Agora xa aparecen os trazados pintados. Non só pintados, senón que están aprobados pola Comisión Europea e polo Parlamento Europeo. Os trazados están definidos e agora o único que temos que facer é concienciar o Goberno de España para que defenda eses trazados, estes proxectos, en Bruxelas e conseguir os fondos necesarios do programa Conectar Europa".

Cebreiros engade ademais que é imprescindible que as redes de ferrocarril cheguen aos portos porque "somos a fachada atlántica" e temos que dispoñer "dun ferrocarril deste século".

O presidente da patronal pontevedresa afirma que "a pandemia pasará" polo que hai que ir "poñendo o foco" nas infraestruturas do futuro. "Non se pode lexislar mes a mes, nin moito menos fin de semana a fin de semana. E o que non pode ser é que nós teñamos que saber un sábado a través do 'BOE' que se prorroga, por exemplo, a moratoria concursal que acaba ao día seguinte.

Queremos planificación das solucións e que escoiten as necesidades das empresas. E necesariamente teñen que ser a medio e longo prazo".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia