CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Cesáreo Pardal: "O sector precisa traballar. Levamos pechados moito tempo e seguimos pagando o 100% dos impostos"

25/02/2021 - 08:19 h

Cesáreo Pardal falou esta mañá no 'Galicia por diante' das últimas novidades que atinxen ao sector turístico, as axudas ao sector e a inminente reapertura da meirande parte dos locais de hostalaría da comunidade a partir de mañá.

Respecto ás axudas, o presidente do Clúster fixo referencia ao recente anuncio por parte do Goberno central dun novo plan de rescate dotado con 11.000 €. Aclarou Pardal non coñecer os pormenores deste plan, pero en clarquera caso, dixo, son axudas que chegan tarde e agarda que se fagan efectivas e non quede todo en palabrería. Neste sentido, o representante do Clúster manifestou que as únicas axudas "sobre a mesa son as da Xunta que xa están solicitando preto de 16.000 empresarios turísticos galegos".

Trasladou a ilusión coa que os hostaleiros afrontan a reapertura dos seus negocios a partir de mañá porque, insiste, "o sector o que quere é poñer as pilas, precisa traballar".

Sobre as medidas de control na restauración, o sector ten claro o cumprimento dos límites de ocupación por Covid, pero amósase en desacordo co uso de códigos QR para rexistrar os clientes porque, din,  "parécenos moi difícil de controlar neste momento" e cremos que, "se a Administración nolo pide a nós, tamén o debería facer noutros sectores".

Falando das previsións con vistas á Semana Santa, Pardal confirmou que non existen reservas, e con vistas ao verán van chegando moi pouco a pouco.

Desde o sector insisten na necesidade de que Estado e administracións autonómicas artellen un plan conxunto que sigan todas as comunidades evitando que se produzan "dezasete Semanas Santas diferentes"

No remate da entrevista engadiu Cesáreo Pardal que en Galicia "agardamos que siga baixando a onda de contaxios e pacientes nas UCI é o que nos vai permitir recuperar a confianza e movernos".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia