CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

X. M. Núñez Seixas: "As liñas mestras da política europea alemá non mudarán aínda que gañen os socialdemócratas"

24/09/2021 - 09:09 h

Alemaña espertará o vindeiro luns sen Angela Merkel como líder do goberno federal despois de 16 anos no cargo. As enquisas apuntan a que o socialdemócrata Olaf Scholz podería ser o próximo chanceler, pero todo vai depender dos pactos postelectorais, xa que ningún partido conseguirá a maioría absoluta.

Nunha entrevista no Galicia por diante, o historiador Xosé Manoel Núñez Seixas percibe arelas de cambio na sociedade alemá despois do liderado prolongado de Merkel. Unhas expectativas que se substancian, por exemplo, no ascenso dos Verdes nas enquisas e na primacía da axenda climática, unha vez superada a peor fase da pandemia e con previsións de entrar nunha fase de maior crecemento económico.

Para Núñez Seixas, o candidato do SPD, Olaf Scholz, representa a ala conservadora dos socialdemócratas, un político de perfil moderado, con experiencia de xestión, no que moitos alemáns ven algunhas das virtudes que tamén valoraban en Merkel.

Pola contra, Núñez Seixas cre que a sociedade alemá percibe o candidato conservador, Armin Laschet, como un político máis gris e sen capacidade para impoñerse nos debates ao resto dos líderes.

A última hora do domingo, a aritmética ditará as posibilidades de pactos de gobernos. Todo dependerá dos resultados que acaden os Verdes, Liberais e Die Linke, o partido da esquerda socialista. A ultradereita, unida baixo as siglas AfD, Alternativa por Alemaña, non está convidada á mesa dos pactos, porque, de momento, todos os demais partidos alemáns rexeitan calquera acordo de goberno cos radicais de dereita. Pero está por ver se a AFD consegue invadir e ata que punto o espazo electoral dos conservadores.

En todo caso, Núñez Seixas non cre que haxa grandes mudanzas na Unión Europea en caso de que Scholz sexa o próximo chanceler. O máis probable, para o historiador, é que se manteñan as liñas mestras da política alemá en Europa: reforzamento do eixe franco-alemán e unha política de austeridade combinada con incentivos fiscais.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia