CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Marina Varela, membro do comité clínico: "A xente nova debe extremar a protección para evitar novos gromos"

24/06/2021 - 09:03 h

A doutora Marina Varela, membro do comité clínico que asesora a Xunta durante a pandemia, aconsella non relaxar en exceso as medidas contra a covid, a pesar de que Galicia presenta neste momento a incidencia máis baixa de todo o Estado.

A xefa do Serivizo de Anestesioloxía e Reanimación da área sanitaria de Pontevedra e o Salnés afirmou  no 'Galicia por diante' que ao comité clínico preocúpanlle especialmente os últimos brotes rexistrados entre xente nova. "Neste momento son trece as persoas ingresadas nas UCI e trinta e seis en áreas de hospitalización. Entre elas hai mozas e mozos de arredor de trinta anos, e mesmo de vinte. Debemos seguir insistindo en que a poboación máis nova tamén é susceptible de contaxiarse. Teñen que seguir poñendo a máscara e extremar os coidados cando non poidan gardar a distancia de seguridade. Aumentaron as infeccións nesa franxa de idade. Algunhas desas persoas teñen que ingresar nas unidades de vixilancia intensiva dos hospitais. Hai contaxios mesmo en viaxes de estudos. A xente nova aínda non pode relaxar as medidas neste momento. Aínda quedan semanas, quedan meses".

A doutora Marina Varela ve con bos ollos o adianto da segunda dose de AstraZeneca para as persoas maiores de sesenta anos. Considérao un dato importante en previsión de que a última variante de covid, a delta, se convirta na cepa dominante a finais de agosto. "A variante delta transmítese con máis facilidade entre persoas que aínda non recibiron a segunda dose da vacina. Saúde Pública da Xunta traballa para que se inmunice o maior número posible de persoas. Baixar as franxas de idade na vacinación axudará a contrarrestar a posible incidencia da cepa Delta. Estamos vendo os casos de Portugal e o Reino Unido. Pode ser a de maior incidencia en poucos meses".

A xefa do Servizo de Anestesioloxía e Reanimación da área sanitaria de Pontevedra e o Salnés amósase convencida de que, dende o punto de vista epidemiolóxico, Galicia está preparada para aliviar o uso da másca nos espazos abertos, "sempre que haxa distancia de seguridade". Marina Varela pronunciouse no 'Galicia por diante' sobre o incremento de casos na área metropolitana da Coruña. "Observamos que o virus da covid transmítese con máis facilidade nas áreas con maior densidade de poboación, e a da Coruña é a primeira de Galicia. Hai moita xente nova, o sector de poboación que máis interacciona, que aínda non está inmunizada. Por iso debemos insistir en que as mozas e mozos galegos non poden baixar a garda ata que reciban a pauta completa da vacina". 

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia