CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Rosa Quintana: "Preocúpanos que só se teñan en conta criterios científicos á hora de distribuír a pesca"

24/03/2021 - 08:11 h

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, confía en que en abril se poidan subir os topes de pesca para os barcos galegos que traballan en augas próximas ao Reino Unido, Irlanda e Francia. Ante a falta de acordo cos británicos para xestionar os caladoiros conxuntos, onte os ministros da Unión Europea acordaron fixar uns topes de pesca de forma unilateral, ata o 31 de xullo, á espera de que rematen as reunións cos británicos, unhas negociacións complicadas porque os británicos non queren aceptar as normas europeas de pesca que viñan cumprindo os seus barcos ata o de agora.

O actual pacto na Unión Europea establecera os topes ata o 31 de marzo, polo que urxía aprobar un novo para evitar que a frota tivese que volver para terra. O pacto de onte de Bruxelas establece que os barcos poderán capturar ata ese 31 de xullo o 59 por cento do que recomendaban os científicos para todo o ano 2021. Na práctica, iso supón recortes severos para os barcos galegos, en comparación cos topes do ano pasado. A pescada do Gran Sol rebáixase un 11 por cento. Tamén en augas do Gran Sol, o rapante redúcese un 6% e o peixe sapo un 8. A rebaixa é do 18% en augas de Francia e do 30% nas de Escocia. Fóra diso, o pacto tamén establece recortes do 8 por cento para a xarda nas augas galegas.

Desde Bruxelas, a conselleira dixo agardar que o acordo cos británicos para xestionar os caladoiros conxuntos sirva para mellorar os resultados do pacto alcanzado onte en Bruxelas.

"Aínda temos todas esas dúbidas, esas incertezas. O comisario manifestou que estaba a punto de asinar o acordo co Reino Unido e que en abril quizais xa teriamos un acordo definitivo. Polo menos iso daríalle unha certa seguridade a toda a frota".

"Temos unha certa preocupación de que onte só se tiveran en conta os criterios científicos á hora de distribuír as posibilidades de pesca. E seguiremos traballando co Ministerio para achegar todos os datos e argumentos sociais e económicos para que se respecten os principios da Política Pesqueira Común e se teñan en conta os tres criterios: social, económico e ambiental".

Fóra diso, a conselleira tamén se referiu á proposta comunitaria de obrigar os barcos máis pequenos, de máis de 4 metros de eslora, a levar un xeolocalizador e un diario eletrónico para rexistrar as capturas.

"Aquí en Bruxelas hai un profundo descoñecemento de como funciona a inmensa maioría da frota pesqueira".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia