CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Javier Caínzos, alcalde de Curtis: "Todo indica que o gas no soto foi o que provocou as mortes"

23/12/2019 - 08:05 h

O Concello coruñés de Curtis decretou tres días de loito pola morte de tres veciños por unha intoxicación de monóxido de carbono. A familia, residente na parroquia de Fisteus, puxera en marcha o sábado á noite un grupo electróxeno para paliar o corte na subministración eléctrica que afectou a zona por mor do temporal e que non se restableceu ata pasado o mediodía do domingo.

Á espera de que hoxe se coñezan os resultados da autopsia, todo apunta a que a mala combustión do xerador e a concentración do gas tóxico na vivenda provocaron o falecemento das tres persoas, un matrimonio de 81 e 86 anos e un fillo de 51.

Segundo contou o alcalde de Curtis, Javier Caínzos, no 'Galicia por diante' da Radio Galega, "todo indica que a combustión e concentración de gas no soto foi o que provocou o falecemento do home de 51 anos, fillo da parella". Ese gas, despois, expandiuse "por toda a vivenda a través dun paso interior" e afectou os pais, que estaban no seu cuarto.

Segundo indicou o rexedor, os feitos producíronse, probablemente, "por volta das 10 da noite", despois de que o falecido falara por teléfono co seu irmán e lle contara que puxera en marcha o xerador por falta de electricidade.

 

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia