CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

A visita de Sánchez a Cuba

23/11/2018 - 08:04 h

"Cuba é coma Galicia, pero sen reuma", escribiu Manolo Rivas. Na Habana fixo moitas queimadas don Manuel Fraga cando era presidente da Xunta e ninguén do mundo quería saber nada de Fidel. E, se me apuras un pouco, cóntase que outro galego que non convén citar moito, chamado Francisco Franco, lles dixo unha vez aos seus ministros: "A Cuba non ma toquedes". Traio a conta estas referencias, porque Cuba, para un galego, é moito máis que un país amigo ou un país irmán. É un pouco a nosa terra de promisión. Polo tanto, calquera cousa que faga por Cuba e con Cuba calquera Goberno contará coa miña simpatía.

Agora ben: non sabemos exactamente que é o que vai facer alí Pedro Sánchez, máis aló das boas intencións. Hai quen lle tentanta xenreira ao presidente que di vai aumentar a colección de fotos con dirixentes estranxeiros, por se un día ten que abandonar A Moncloa. Hai quen di que desenvolve unha política exterior moi viaxeira para gañar imaxe de home de Estado. E hai quen afirma que viaxa tanto para escapar dos problemas nacionais que se lle amorean enriba da mesa. Xa veremos. Cando acabe a visita, poderemos facer un xuízo obxectivo.

De momento, o que podo dicir é o seguinte: se a viaxe é para preparar a visita do Rei, aínda que falta un ano e daquela Sánchez pode non ser presidente; se é para presionar para que o réxime dea pasos adiante no proceso de democratización, porque parece que alí non se move nada nin despois dos acordos con Obama; e sea viaxe ten contido económico, para que se abran oportunidades ás empresas españolas dispostas a investir no exterior, entón aplaudirei. O que me parece que non ten sentido neste tempo é o ton crítico co que comentan a viaxe algúns medios informativos, pola ruda razón de que Cuba non é unha democracia. Tampouco A China é unha democracia, e o presidente chinés vai vir aquí dentro duns días, e todo van ser reverencias, e xa sabemos porque: porque os chineses teñen cartos. Pois con Cuba temos algo tan importante, que son os lazos afectivos. Así que, boa viaxe, presidente, e moita sorte.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia