CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Méndez Romeu sobre o futuro do PSdeG: "Cómpre acadar unha alianza social que permita recuperar a hexemonía na esquerda"

23/09/2021 - 09:06 h

O exconselleiro e secretario de Estado socialista Xosé Luís Méndez Romeu falou esta mañá na Radio Galega do seu libro 'España en discordia', onde analiza os últimos anos da historia de España, coa aparición de novas forzas políticas no arco parlamentario.

Un escenario en que novas formacións como UP ou Vox, aínda que debilitadas, continúan aliñadas en dous bloques pivotando arredor do bipartidismo clásico, o que practicamente non dá lugar a modificacións en ningún tema que se debata, impedindo que se lexisle, creando tensión, política e social, e ruído mediático.

Considera o exalto cargo dos socialistas que agora urxe chegar a acordos en materias como a distribución dos fondos Next Generation, o sistema de pensións ou a política migratoria, algo que, lamentablemente, resulta inviable acadar agora porque, "estando lonxe aínda das eleccións xerais, as estratexias preelectorais xa dominan a política".

A pesar das aparentes discrepancias no seo do Goberno, Méndez Romeu cre que o actual Executivo completará lexislatura ata as próximas eleccións xerais do 23. "Serán os seus socios os encargados de sostelo co fin de acadar réditos financeiros, lexislativos... e non van permitir un cambio de Goberno", argumenta.

Respecto a Galicia e a posición actual do PSdeG na comunidade, amósase preocupado porque os socialistas se converteron na terceira forza, cando en realidade deberían ser a alternativa ao Goberno.

Sobre o próximo Congreso do PSdeG, previsto para finais de ano, apunta que polo momento non hai outras candidaturas máis alá da de Gonzalo Caballero, pero, engade, o proceso aínda está aberto.

Remata incidindo en que cómpre acadar unha alianza social que permita aos socialistas recuperar a hexemonía na esquerda, que o importante é que "no partido sexan capaces de sumar e construír, non só de discrepar".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia