CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Francisco Conde: "Vestas terá que demostrar que efectivamente se dan as circunstancias que xustifiquen o peche"

23/09/2021 - 08:09 h

O vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, afirma que os traballadores e o Goberno galego non entenden que a multinacional Vestas queira pechar a fábrica de Viveiro sendo unha factoría rendible e competitiva. Por iso, di que lle pedirá explicacións e que será moi esixente á hora de tramitar o ere de extinción dos 115 empregados, aínda que de fondo culpa a política industrial do Goberno.

"A fábrica de Viveiro é eficiente e competitiva, pero lamentablemente a empresa decide pechala. É unha situación que non entenden os traballadores nin entende a Xunta de Galicia, e por iso está claro que non é posible un desenvolvemento industrial se non hai unha política enerxética que realmente dea esas respostas".

"A empresa estase aproveitando dunha transición enerxética equivocada por parte do Goberno pero ao mesmo tempo o Goberno tampouco está ofrecendo esas certezas, esa seguridade para que a industria se poida manter no noso territorio. Lamentablemente, a situación de Vestas é unha continuación doutras decisións que están tomando multinacionais que non teñen confianza lamentablemente na política enerxética do Goberno".

"Nós imos pedirlle explicacións á empresa. Tampouco é moi razoable que os directivos trasladen que somos unha planta competitiva e que se peche. Iso require unha explicación. No propio proceso de negociación do ere imos intentar que desde a autoridade laboral se sexa moi esixente, moi contundente cos argumentos que presenta a empresa. Fixémolo no seu día con Alcoa e farémolo agora con Vestas. A empresa terá que demostrar que efectivamente se dan as circunstancias que xustifiquen o peche. Se non é así, desde logo desde a autoridade laboral nós seremos moi contundentes para defender os dereitos dos traballadores".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia