CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

África González: "A variante Delta da covid pode ser a dominante en España en pouco tempo"

23/06/2021 - 08:12 h

A inmunóloga África González analizou no 'Galicia por diante' o risco de expansión da variante Delta da covid, antes coñecida como india. En España, de momento, supón menos do 1% dos contaxios, pero, segundo a a directora do Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo, o risco de que se convirta en dominante é "bastante alto".

"A variante Delta xa entrou en España, detectouse en varios lugares, e é máis contaxiosa. Polo que se secuenciou ata agora, estamos lonxe de acadar os niveis de Portugal ou o Reino Unido, pero en pouco tempo pode converterse na principal mutación no noso país. Xa pasou coa variante británica, que en cuestion de semanas converteuse na maioritaria en varios países".

África González dixo que a última mutación da covid é máis contaxiosa e máis transmisible que a variante británica, pero o número de falecidos non é superior. "Si que aumenta o número de hospitalizacións, pero é lóxico, ao tratarse de unha variante máis contaxiosa, a carga viral é maior, hai máis contaxios, pero non se observa unha maior letalidade, non hai máis mortes de persoas infectadas que con outras variantes".

A catedrática de Inmunoloxía e directora do Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo, África González, afirma que o que verdadeiramente nos protexe fronte á variante india e calquera outra mutación da covid é a pauta completa de vacinación. "Todas as vacinas protexen fronte á última cepa, baixa un pouco, tal vez, pero o máis importante é a administración das dúas doses. Coa pauta completa, o sistema inmunitario é suficiente. Nese aspecto podemos estar tranquilos. É unha boa noticia que as vacinas sexan efectivas fronte a calquera das mutacións que van aparecendo".

África González referiuse tamén aos pros e aos contras da liberación parcial do uso de máscaras ao aire libre. "Hai datos a favor, porque a incidencia baixou e o bo tempo anima a estar en terrazas e en espazos exteriores. Pero hai factores en contra, como o risco da variante de Delta e á maior mobilidade da poboación na época de verán. Convén ter en conta, ademais, que coa chegada de turistas, se non se fan as PCR de orixe, mesmo a corentena, poden ir chegando novas variantes".

A experta en Inmunoloxía insistiu na necesidade de extremar a prudencia ata acadar a inmunidade comunitaria, ata que o 70% da poboación reciba a pauta completa de vacinación. Referiuse ao caso de Israel, que, unha semana despois de levantar as restricións, viuse na obriga de dar marcha atrás polo aumento dos casos con máis do 90% de infectados da variante Delta. África González cre que as autoridades sanitarias españolas deben ter en conta o caso de Israel á hora de levantar restricións. "O ocorrido nese país é unha mostra de que debemos ser cautos. Se estamos na praia, no monte, non hai problema. Pero, cando se trata de zonas urbanas e non é posible gardar distancia de seguridade, debemos seguir levando a máscara de protección. O sentido común aconsella levala sempre no peto, e poñela cando o consideremos necesario".   

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia