CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Cristo parlamentario

22/11/2018 - 08:05 h

Primeiro, a descrición. Nunca, que se saiba, un deputado lle cuspiu a outro ou, polo menos, fixo o xesto de cuspirlle. Había doce anos, doce, que a presidencia do Congreso non tiña que botar do hemiciclo outro deputado. Ana Pastor tivo que facer un exercicio de autoridade para reclamar que cesen os insultos. E os medios informativos teñen a sensación de que isto é unha parte máis da deterioración das institucións, que camiña aceleradamente.

Que está pasando aquí? Pois aquí está pasando aquilo que Leire Pajín chamaba unha conxunción dos astros e eu chamo, sinxelamente, outra das tormentas perfectas que estamos vivindo en tempos de cambio climático. Xúntase que estamos en período electoral, que sempre altera os ánimos; pasa que Cataluña provoca unha tensión entre as forzas políticas sen precedentes, e a proba é que o tema catalán estivo detrás de toda a confrontación; pasa que hai unha carreira entre Ciudadanos e o PP de Casado para ver quen di cousas máis gordas sobre a situación. E pasa que temos a Gabriel Rufián, e o seu traballo, ademais de representar a Esquerra Republicana de Catalunya, é provocar. De profesión, alborotador e provocador.

As definicións de golpista e de fascista que se intercambian os españolistas e os soberanistas non son novas. Son as que se poden escoitar en manifestacións e en todos os cruzamentos de palabras, incluso de pancartas, en Cataluña e no resto de España. O novo é que chegaron ao Congreso. É dicir, chegaron ao máximo nivel de presenza e de repercusión. Non podemos facer moito máis ca lamentalo, pero hai que facer unha petición: señoras e señores deputados, rebaixen os decibeles. Non por nada, que os Parlamentos teñen vida e non ven mal algunha escaramuza. Pero poden chegar ás mans. Nunha destas chegan ás mans. E miren: hai nenos mirando e escoitando. Vaia exemplo que lles dan. Eses nenos poden ter cincuenta ou oitenta anos, pero tenden a imitar o que din e o que fan xentes que parecen honorables. Ou, polo menos, páganlles coma se fosen honorables.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia