CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Juan Gestal: "Debería terse vacinado á poboación máis nova despois do gromo de Mallorca"

22/07/2021 - 08:14 h

Para Juan Gestal, catedrático emérito de Medicina preventiva e Saúde pública, a quinta onda da pandemia podería terse evitado se se vacinase á poboación menor de 30 anos no momento en que se detectou, hai pouco máis dun mes, o gromo masivo de Mallorca.

Nunha entrevista no Galicia por diante, o doutor Gestal asegurou que naquel momento as autoridades sanitarias deberían ter priorizado a inmunización da xente nova para frear a transmisión do virus, sobre todo porque daquela non había problemas de subministro de vacinas e a maior parte da poboación maior máis vulnerable dispoñía xa da pauta completa.

Juan Gestal, que foi tamén Director Xeral de Saúde Pública da Xunta, ve difícil determinar, coa transmisión do coronavirus fóra de control, cando se chegará ao pico da quinta onda.
Considera que o goberno do Estado debería ter adoptado medidas restrictivas máis estrictas inmediatamente despois do gromo de Mallorca.

Juan Gestal prevé que nas próximas semanas aumentará a presión hospitalaria e veremos pacientes con menor idade con infeccións graves. Asegura ademais que malia que a situación nos hospitais é menos crítica que en anteriores ondas, a presión está agora en atención primaria. De feito, sinala o doutor Gestal, os centros de saúde estanse xa reforzando con persoal sanitario procedente de hospitais.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia