CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Román Rodríguez: "A reforma avanza cara a un sistema de aprobado xeral que desincentiva o alumnado"

22/06/2021 - 08:21 h

O conselleiro de Educación rexeita a reforma que impulsa o Goberno para cambiar os criterios de avaliación en primaria, secundaria e bacharelato. Román Rodríguez asegura que a Xunta estudará a fondo o texto para ver como implementalo en Galicia. Nunha entrevista no 'Galicia por diante' da Radio Galega, o conselleiro indicou que a medida avanza cara a un sistema de aprobado xeral que desincentiva o alumnado e cuestiona o traballo do profesorado.

"Creo que un sistema educativo ten que ser esixente, ter calidade, primar a motivación. Se poñemos en marcha un sistema deste xeito avanzamos cara a un sistema de aprobado xeral que desincentiva o alumnado. Se é igual aprobar que suspender e depende ao final dunha avaliación "subxectiva" pode xerar desigualdade e entramos nunha dinámica perigosa que vai desincentivar o alumnado". Ademais, pon en tea de xuízo o traballo do profesorado e vai en contra da igualdade de oportunidades. "Na vida hai que esforzarse e non podemos ir cara A un país de aprobado xeral que ten uns efectos perversos moi fortes".

Román Rodríguez avalía positivamente este curso escolar marcado pola pandemia e pon o foco na presencialidade. Asegura que Galicia foi das poucas comunidades españolas onde se achegou ao cen por cento en todos os niveis educativos. "Comezamos o curso con moitos medos e incertezas. Tiñamos claros os puntos básicos que debían rexir no funcionamento do día a día do curso. O primeiro era a presencialidade e dende Galicia apostamos claramente e fomos das poucas comunidades autónomas que tivemos practicamente unha presencialidade cen por cento no sistema educativo".

O conselleiro de Educación non aclara se a Xunta contará este curso escolar co profesorado de reforzo contratado por mor da pandemia. Asegura que o cadro docente se axustará unha vez estean deseñados os protocolos sanitarios. "Os reforzos partían dun mandato sanitario vencellado á distancia entre os alumnos dentro da aula. Unha vez teñamos definidos os protocolos sanitarios (distancia, ventilación, uso ou non de máscara) será o momento de axustar os planteis ás necesidades sanitarias. Porque non falamos dunha cuestión derivada de algo educativo senón de algo sanitario".

O conselleiro recoñece que algunhas medidas implantadas por mor da pandemia poderían quedar, como a dixitalización do proceso educativo; aínda que lembra que en ningún caso deberá substituír a presencialidade, senón só complementala.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia