CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Rosa Arroyo: "Poder vacinarse é un privilexio. É o mellor remedio para protexer a saúde individual e colectiva"

22/04/2021 - 08:20 h

A médica ferrolá Rosa Arroyo salientou no 'Galicia por diante' que a poboación é cada vez máis consciente das vantaxes que supón vacinarse contra a Covid-19. "O proceso de inoculación non debe parar. As axencias reguladoras, a EMA e as axencias europea e española do medicamento, teñen contrastado que os posibles efectos secundarios son infinitamente menores aos beneficios que supón vacinarse. Alégrome de que cada vez haxa menos persoas reticentes. Poder vacinarnos é un privilexio, e aproveito a oportunidade para facer un chamamento a toda a poboación. Dende a Organización Médica Colexial estamos facendo campaña contra o negacionismo e o movemento antivacinas. Trátase de protexer, non só a saúde individual, tamén a saúde de toda a comunidade".

Rosa Arroyo, que ocupa o cargo de vicepresidenta da OMC, reclama máis apoio psicolóxico para os profesionais sanitarios que traballan na primeira liña dende o comezo da pandemia. "É unha das conclusións dunha enquisa recente que analizou as repercusións da COVID-19 sobre a saúde e o exercicio da profesión dos médicos de España. O feito de un de cada catro médicos tivese que coller a baixa médica no último ano demostra a necesidade de apoio psicolóxico a ese colectivo. O apoio emocional é primordial porque estamos ante unha situación inédita que desbordou todas as previsións. O estudo demostra a necesidade de impulsar, en todo o territorio nacional, os programas que puxemos en marcha para coidar ás persoas que nos coidan".

A representante da Organización Médica Colexial recoñece que a sobrecarga de traballo afectou a capacidade de reacción do sistema sanitario. "É un traballo en equipo e todos colaboramos na medida do posible. Pero é necesario protexer os sanitarios que seguen traballando na primeira liña para asegurar a atención dos problemas que quedaron pendentes pola suspensión da actividade normal. Por outra parte, algúns profesionais, os menos, tiveron que soportar o rexeitamento de persoas polo seu contacto con persoas que sofren a enfermidade".

Rosa Arroyo recoñece que neste momento as facultativas e facultativos teñen á súa disposición medios materiais, pero sinala carencias no capítulo de recursos humanos. "A situación é mellor porque no primeiro momento non había equipos de protección individual e mesmo faltaban máscaras. Agora contamos con todos os medios materiais, pero os humanos son os mesmos. Incorporáronse algúns profesionais novos, pero debemos ter en conta que foi necesario cubrir  moitos profesionais durante súas as baixas médicas, por problemas físicos ou psíquicos, e que son moitas as quendas de traballo". " Estamos esperanzados en acadar a vacinación masiva, que, sen dúbida, contribuirá a aliviar a sobrecarga asistencial provocada por esta emerxencia sanitaria".  

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia