Galicia por Diante
Torra e a astucia
Non sei se lembras cando Artur Mas era presidente da Generalitat de Cataluña. Hai uns cantos anos. Daquela, o señor Mas incorporou á súa filosofía política unha verba: astucia. O camiño á independencia de Cataluña pasaba pola astucia. Había que ser máis astutos ca ninguén e, dende logo, máis astutos ca o Estado, que se supón que é parvo e pódenselle coar todas. Detrás da palabra astucia escóndese outra palabra que todos entendemos aínda mellor e que se traduce como trampa. Imos tender trampas por toda Cataluña nas que vai caer o Estado coma un paxariño. O rei Artur quixo ser o rei dos astutos.
Pasaron os anos, cambiaron os gobernantes, pero o dinosauro da astucia seguiu alí, na praza de Sant Jaume. E chegou Puigdemont, e Puigdemont puxo un moneco que manexa a distancia e púxose a dicir: para astuto, eu. E estes días está facendo unha política que se parece máis á falcatruada, á chufa e á picaresca que a unha política seria. Indicación que se lle fai, el responde: actuaremos con astucia, ímonos divertir. E iso é todo. A Xunta Electoral pide o que pide, e o moneco Torra fai que consulta o que xa tiña consultado ao Síndic de Greuges, que é o Defensor do Pobo. O Síndic de Greuges di que hai que quitar os símbolos, pero o moneco aínda quere xogar e fai que fai, mantén o letreiro, cambia a color amarela dos lazos e intenta ver se coa, que o Estado segue sendo parvo ou non terá valor para retirar a nova cartelería. Iso si, todo acompañado de literatura épica, como a de dicir que defenderá a liberdade ata as últimas consecuencias. O vitimismo que non se esqueza nunca, que é bo compañeiro da astucia.
É impresionante a enerxía que se consome en pensar a ver como se toman de carallada as institucións estatais. Cando non son os tribunais, incluído o Constitucional, é a Xunta Electoral, que non ten outra finalidade que velar pola pureza do proceso electoral, pero iso Torra non o quererá entender nunca, porque el está por riba das institucións. El é o pobo catalán. O mesmo pobo que queda sen investimentos estranxeiros porque a ver quen se fía desa tropa. Pois ben, fronte á astucia, autoridade; a autoridade lexítima do Estado. Así que, ao fiscal, a ver se hai delito de desobediencia. E se o hai, inhabilitación. A mellor menciña contra a astucia e a falcatruada como arte da política. O comentario non pode dicir outra cousa que esta: xa está ben de carallada.