CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Infantilismo ante a xustiza

21/11/2018 - 08:02 h

Parece que hai unha coincidencia xeral na opinión publicada: o plantón de Marchena deixa nus aos partidos que fixeron o pacto pola renovación do Poder Xudicial. Descubriulles, sobre todo despois do WhatsApp do señor Cosidó, as intencións de controlar o Tribunal Supremo, que na xustiza debería ser un delito de lesa humanidade. Pero xa viña de antes. O feito de dar por nomeado a Manuel Marchena antes de que se elixisen os seus electores foi unha cerimonia de mercadeo que, se a aceptamos, foi porque estamos afeitos ou por respecto á categoría do home que onte deu o plantón, que merecía toda a confianza.

As consecuencias do xesto de Carmena son, por unha parte, que devolve parcialmente a confianza nas persoas da xudicatura: aínda queda xente chea de dignidade que non está disposta a ser utilizada ou que pareza que a utilizan en beneficio dun partido. Pero, por outra, abre un horizonte moi incerto no Consello do Poder Xudicial: Carlos Lesmes está obrigado a seguir e ninguén sabe por canto tempo. A ruptura do pacto que expón o PP, sen dúbida sen pensalo moito, porque onte, a estas horas, xa a estaba anunciando nun comunicado, significa que hai que empezar de novo. Pero iso sería o de menos. O transcendente é que suscita revisar o sistema de elección. Supoño que quere dicir que hai quevolver á elección polos propios xuíces, ou en votación directa, ou a través das asociacións, que son coma partidos políticos pero formadas só por xuíces.

Todo isto é unha barbaridade. Ímonos meter agora nunha revisión da Lei do Poder Xudicial? Son máis representativas e están menos politizadas as asociacións que os partidos? Iso non o cre ninguén. Se os partidos políticos tivesen un pouco de sentido común, xa non digo de sentido do Estado, a súa prioridade neste intre sería chamarse por teléfono, recoñecer os erros, corrixir e non meterse en loitas que a nada conducen. O primeiro é devolver a normalidade á xustiza. E déixame, benquerido Valiñas, que o diga: deixarse de infantilismos. Porque todo o que vimos neste proceso é infantilismo puro.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia